28 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

MEU VECIÑO Caamaño traballa unha finca de millo no concello de Brión. Algo menos dunha hectárea. Millo para lle dar de comer ao gando: setenta vacas nunha granxa de Lousame. O leite despáchao para a cooperativa de Negreira (Feiraco). Non é súa a finca. O propietario cédelle a explotación a conta de que lla teña limpa e atendida. «Nos anos bos pódolle sacar 40.000 kilos de forraxe», cóntame, «e entre unhas e outras, con catro ou cinco que levo así, ímola virando». A filosofía do país. «O prezo do leite márcanolo os canais de comercialización. Nós facemos o que podemos. E os canais de comercialización veñen gobernados de Europa». Para o meu veciño Caamaño, Europa non é unha abstracción: son os prezos do leite e as cuotas de producción. Delas depende a economía da casa e o futuro dos seus fillos. Outrosí no sector naval. Polos concellos da Ferrolterra, condicionados polo monocultivo industrial, non corren os mellores ventos. Os asteleiros de Izar pasan por momentos difíciles, obrigados a unha nova restructuración, se cadra non menos profunda cá dos anos 80. ¿Culpa de Europa? Non exactamente. En Bruxelas responsabilizan á Administración española da situación, que non deu conta dos deberes aos que en principio se comprometera, e agora piden explicacións do que se fixo (e do que se deixou de facer). Fálase de case 1.300 millóns de euros de fondos públicos desviados dende a administración do PP para as contas dos asteleiros. O ordenamento da UE non admite a subvención do Estado ás empresas públicas, que foi o que se veu facendo, e polo que se di, sen a inxección deses fondos, os asteleiros están prácticamente na quebra. Dende o ano 1986, Galicia veu recibindo importantísimas sumas de diñeiro que financiaron básicamente a modernización das nosas infraestruturas (principalmente viarias e de transporte), mais tamén outros dispendios, non sempre confesados. Ninguén nunca presentou con exactitude as contas, administradas maioritariamente dende o clientelismo da Administración Central e, en menor medida, dende a Administración Autonómica, por máis que varias veces se reclamaron no Parlamento e dende a sociedade civil. Unha parte moi importante do crecemento económico da Galicia dos últimos quince anos fundaméntase nestes ingresos extraordinarios de compensación, destinados a poñer as bases dunha competividade que nos permitise concorrer en pé de igualdade coa media das rexións e estados europeos. Ata o ano 2007 contabamos con ese diñeiro. A situación, coa ampliación da UE a 25 membros, e o vencemento dos prazos pactados (dúas décadas) , empeza a poñerse difícil. O 17 e 18 de xuño Europa intentará dotarse dunha Constitución que fortalecerá sen dúbida a capacidade de actuación do goberno da Unión sobre o conxunto dos estados membros (e das nacións sen estado, como Galicia). É un camiño sen volta, malia as contradicións. Contra final de ano abrirase o debate non menos trascendente da posible incorporación de Turquía, que radicalizará o progresivo desprazamento dos espazos económicos e políticos cara ao leste. O meu veciño Caamaño empeza a ser consciente de que o mundo é bastante máis ancho cás leiras aquelas dos seus avós e que a súa vida (e a dos seus fillos) depende de decisións que se discuten lonxe, demasiado lonxe, e ás que non sempre ten acceso.