El próximo jueves, con La Voz, una nueva edición de la Guía de Másters de Galicia
A TVG estrea «Tarde Piaches», o novo magacín para as tardes das fins de semana
CULTURA
Silvia Jato e Isabel Blanco poñeranse á fronte do espazo a partir deste sábado 9 de maio
06 may 2026 . Actualizado a las 11:05 h.Hai programas que se ven e programas que se sinten. Tarde Piaches nace coa vocación de ser o espello onde Galicia se mire cada fin de semana. O novo magacín da televisión galega aterra na grella o vindeiro sábado 9 de maio, co propósito de poñer en valor o territorio a través das súas historias e, sobre todo, da súa xente. Baixo a dirección de Matías Tarrío e o selo de Voz Audiovisual, o proxecto aposta pola veteranía da lucense Silvia Jato como presentadora e polo carisma da actriz Isabel Blanco como copresentadora. Estas dúas caras coñecidas da pequena pantalla liderarán unha viaxe de catro horas en directo —das 16.00 ás 20.00— que comezará, como non podía ser doutro xeito, cunha sobremesa.
O plató de Tarde Piaches abrirá as súas portas cada serán cunha conversa centrada nas inquedanzas da audiencia. Neste escenario, os invitados relatarán as súas vivencias en primeira persoa, transformando o espazo nun punto neurálxico de encontro e diálogo onde non hai temas tabú. Esta sobremesa inicial servirá de preludio a un abano de seccións e colaboradores que variarán segundo a xornada, sempre co obxectivo de entreter e acompañar ao público sen présa, pero con moito ritmo.
Os sábados será a quenda do divulgador científico e xornalista Xavier Fonseca e as súas «Historias do tempo», onde achegará a meteoroloxía á audiencia de forma amena, explicando os fenómenos que condicionan o noso día a día. O toque de humor porano Carlota Ghatos e a súa avoa Pepa cunha intervención destinada a contrastar as visións de dúas xeracións diferentes a través da linguaxe e as redes sociais.
Os domingos o xornalista Manuel Gago tomará o relevo con «As cousas de Gago» para descubrir os segredos mellor gardados do noso patrimonio. Seguindo o ronsel do día anterior, os maiores recuperarán o protagonismo cun recetario que revela as fórmulas secretas dos pratos máis emblemáticos e curiosos do país.
Máis alá destas colaboracións, a oferta de ambas as xornadas complétase cun concurso onde se poñerán en valor as imaxes de arquivo, reportaxes, entrevistas e actuacións musicais. Todo iso baixo unha filosofía que rompe cos muros do plató: co obxectivo de plasmar a realidade galega da forma máis fiel posible, as reporteiras Alejandra Tojo e Erea Hierro percorrerán as catro provincias. Elas serán os ollos do programa na rúa, trasladando á audiencia que historias están a ocorrer en cada recuncho e dando voz aos seus verdadeiros protagonistas.
Últimos preparativos
A escasos días do seu gran debut na televisión pública, o equipo do magacín ultima con mimo os detalles dunha estrea que promete renovar as tardes do fin de semana. Este proxecto, onde cada matiz conta, materialízase nun acolledor salón de tons cálidos deseñado para envolver ao espectador nunha atmosfera de fogar.
A programación do sábado 9 de maio reflicte con fidelidade a esencia deste novo formato, que busca equilibrar a divulgación co entretemento puro. A proposta arranca cunha sobremesa sobre a menopausa para continuar cunha terna de entrevistas que demostra a pluralidade e a sensibilidade do espazo.
Tarde piaches recibirá o enxeño e a retranca do humorista Moncho Borrajo; a sabedoría de Esther Teijeiro, muller pioneira que abriu camiño na denominación Ribeira Sacra e no cultivo ecolóxico coa súa forza incansable; e a singular historia de Paula Trigo, a quen tiveron que trasplantar os pulmóns tras detectarlle unha enfermidade rara, e que hoxe é un exemplo vivo de superación. O resto de factores sorpresa resérvanse, polo de agora, para quen se anime a sintonizar esta nova aposta televisiva.