O Sacauntos

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

OPINIÓN

08 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI ANOS, cando o sadismo era moeda común, metíaselle medo ás criaturas co Sacauntos. Non aludía a unha figura fantasmagórica, senón a un personaxe cruel que levaba un saco ás costas para levar as criaturas, matalas e tirarlles a graxa do corpo. Leo que unha monxa brasileira foi amartelada en Mozambique por denunciar, xunto con outras misioneiras españolas, o secuestro de 50 criaturas para extraerlle os órganos do corpo e seren vendidos noutros países, supostamente para seren transplantados. As autoridades de Xustiza mozambiqueñas negan que exista tráfico ilegal de órganos e prefiren asegurar que a función dos órganos extraídos dos corpos infantís era a de seren utilizados en rituais relixiosos. Coma se os ritos crueis e arcaicos merecesen máis desculpa que o crime con obxectivos mercantís. Ás criaturas sacrificadas pouco lles ha importar as motivacións do sacauntos. O macabro personaxe do sacauntos aparece nun magnífico conto realista de Emilia Pardo Bazán, titulado Un destripador de antaño . O relato presenta a un boticario que tiña sona de enriquecerse vendendo ungüentos elaborados coa graxa dos cadáveres de rapaciñas novas. A escritora non prioriza este personaxe. Os verdadeiros malvados neste conto son os avarentos pais adoptivos dunha mociña que non dubidan en matala para conseguir cartos. Nesta campaña electoral, o Sacauntos é ETA. O candidato conservador proponse gañar as eleccións meténdolle medo á cidadanía. ¡Cuidado!, alerta, a oposición socialista é amiga do Sacaúntos. Vinde onda min que son a única garantía de protección. A ameaza, de darlle creto ás enquisas, parece surtir efecto e a xente repite que ETA é o maior perigo do Estado español. Mentres tanto, a verdadeira morte empuña a gadaña nos fogares, no Estreito, que debería chamarse Estixio, onde afoga tanta xente escapada da miseria africana, nas estradas onde perde a vida, principalmente, a xuventude, nos accidentes laborais onde o proletariado é víctima da desidia especulativa...