NON FALO da Igrexa porque hai varias e por iso prefiro relativizar e referirme ó Catolicismo romano . Os seus dirixentes publican un documento no que, en síntese, din: a revolución sexual causou tanto mal que é responsable da violencia doméstica e outras calamidades. O recurso a unha evanxelización profunda (¿?) en colexios e co ensino da Relixión resolverá o problema. Simplifico porque ese non é o problema. A sensación que vivimos moitos crentes é a de que, o Catolicismo neste caso, vai minguando en creto, tamén en número de fieis. Os bispos son sabedores de que o seu maxisterio é pouco atendido. Parece autoengano centrarse no sexo, como vén sendo habitual, para inculpar. Dende o pesimista e esgrevio santo Agostiño, o pecado está no centro e, ademais, na orixe. Desprazar ó ámbito do sexo o que pertence á confesión de fe, é desvío. Son moitos os teólogos católicos que opinan que non existe unha ética cristiá sobre a sexualidade que deite directamente do Evanxeo. En cambio refírese a eito ó terreo do social, que é o territorio dos pobres, obxecto da predicación do reinado de Deus. A cuestión paréceme moi dramática. O Catolicismo ten dende sempre -nunha Igrexa celibataria- o empeño de leva-lo asunto a un ámbito indefinido: o da sexualidade e a eventual culpabilidade que ela en por si xera. Xa antes de don Sexismundo amosouse freudiano o poeta romano e pastor Virxilio: «Animal triste post coitum» . No ano 2000 publicaron un libro meu titulado: O sexo, a muller e o crego . Remito a el para garantir parte do que escribo agora. Quedei abraiado por un capítulo tremendo: A conquista do matrimonio , convertido, tras anos de loita, nada menos ca nun sacramento.