COMPOSTELA. O profesor, que xa o foi en Salamanca e Manchester, dá as súas clases en galego, e promete especial atención aos alumnos que tiveren dificultades para entendelo. Acabado o curso pon exames e recibe petición de revisión dunha alumna suspensa. A rapaza, luguesa, argumenta que non entendeu ben os enunciados por lle viren en galego. O profesor pídelle que sinale en detalle o problema e ela vai directa a uns adxectivos que aparecen en cadansúa pregunta: «ferroso», «arbórea», «nomádica» e «implosivo». - Es que yo no tengo por qué saber gallego - remata, toda enfadada. -Pois, daquela, vas ter que aprender castelán -cerra asunto o profesor... Viana do Castelo. O home de negocios fai antesala cun empregado, coruñés novo, economista. Farto de viaxar e escoitar a Babel enteira, mentres espera ser recibido polo cliente portugués aproveita para dar lección de vida: para andar mundo ben valen os tres idiomas da Europa que máis se proxectaron alén dos mares, o inglés, o castelán e o portugués. O curioso dos galegos é que non entendan o valor da súa fala patrimonial, que os proxecta ao portugués, lingua espallada polo Globo. De súpeto o empregado di que el vai falar castelán na conversa co cliente. - Que aprendan los portugueses -conclúe-, porque a mí nadie me obliga a saber ni gallego ni portugués. O seu superior cala, pensando en cando o vai despedir por inútil para a cortesía comercial. Pero comprende que todos somos fillos da educación, e que o odio ao propio é moito entre os galegos. Tentando amolecer a postura do mozo, faille unha pregunta: -¿Cal é o idioma de uso xeral en Mozambique? O economista non sabe; nin coñece a nacionalidade dos mariños europeos que viraron por primeira vez o cabo da Boa Esperanza na carreira da India... Santa Cruz de Oleiros. O profesor e o home de negocios parolan fronte ao mar soleado. -Triste colonia -protesta o un. -Impaís sen solución -lamenta o outro. E consólanse bebendo grolos de cristalino godello.