ESTÁ DE NOVO entre nós o gran José Martí, aquel intelectual cubano que morreu, coas armas na man, na batalla de Dos Ríos. Era o 19 de maio de 1895. Vida breve a súa: corenta e dous anos. Nacera na Habana en 1853, que foi en Galicia o Ano da Fame, e neste, 2003, ós cento cincuenta anos do seu nacemento, Galicia, en plena marea negra, homenaxea a que foi un gran escritor e un clatividente político antiimperialista. Acaba de publica-lo Concello de Oleiros -benemérito onde os haxa- Martí, palabra de liberdade , volume que acolle dez colaboracións sobre aspectos distintos daquel intelectual tan penetrante e polifacético. Son páxinas de Meilán Gil, Ángel G. Seoane, Anisia Miranda, Neira Vilas, Herminio Barreiro, Alonso Montero, Gustavo Luca, Méndez Ferrín... Así pois, José Martí, que non estaba alleo á obra poética de Rosalía e ó rexionalismo galego finisecular, é honrado en Galicia, decorosamente, no sesquicentenario do seu nacemento. Das páxinas galegas de Martí hai unha excelsa e escrita na súa mellor prosa: a nota necrolóxica, de 1893, sobre Pablo Insua, «aquel gallego (que) no daba obra en su casa sino a quien pagaba el diezmo de ella a la Independencia de Cuba». Algo sabía Martí das arelas redentoristas de Galicia para escribir, nese artigo de 1893, palabras coma estas: «Quien no conozca la larga lucha de Galicia por sus derechos ofendidos, la emigración voluntaria de sus mejores hijos, en busca de justicia y dignidad, la levadura sorda y creciente de emancipación del terruño arruinado en torno al pazo feudal, el partido formal de independencia creado en Galicia con lo mejor del país, hubiera extrañado aquella pasión de hijo... con que defendía Pablo Insua la libertad cubana». Cando Martí fala do «partido formal de independencia» refírese, moi probablemente, á Asociación Regionalista animada desde 1891 por Manuel Murguía e Alfredo Brañas. Se é así, Martí levaba bastante ó día o tema das inquedanzas galeguistas, aínda que esaxere un pouco ó caracterizar esta entidade como «partido formal de independencia». Martí, en Cuba, era un independentista, mentres, nesas datas, Curros Enríquez, xornalista na Habana, era un autonomista. Pero sobre o independentismo radical de Martí cómpre ter moi en conta que se conxugaba cunha preocupación social que o leva a proferir enunciados coma este: «Tan repugnante es un pueblo que es esclavo de hombres de otro pueblo como esclavo de hombres de sí mismo». Este é o Martí -de cheo no mellor humanismo premarxista- que foi invocado como un gran precursor polas voces máis puras da Revolución de 1959. José Martí, lector de Rosalía de Castro (polo menos de Follas novas ), foi un magnífico poeta. Páxinas súas aínda interesan e conmoven hoxe, sobre todo se son ditas por recitadoras como Laura Landeira, que con tanto fervor como eficacia colabora nos actos de homenaxe ó gran escritor e político cubano.