PÁXINAS SOLTAS
19 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.ÁS VECES ata que a un non lle pasa, non se decata de como van as cousas. Viña eu dun congreso en Cádiz e collín o AVE en Sevilla para chegar a Madrid. Cheguei con quince minutos de marxe e despois de localizar o asento deixei alí unha bolsa con libros e saín a colocar a maleta, pequena pero pesada, no departamento de equipaxes. De paso asomeime fóra para preguntarlle a unha azafata onde quedaba a cafetería do tren e se atoparía alí periódicos. Cando volvín ó meu asento, ó sumo dous minutos máis tarde, vexo que a bolsa dos libros, unha marabillosa bolsa mercada no Guggenheim de New York e chea de libros interesantes, desaparecera. Como son despistada, puxen as gafas para volver comprobar o número do asento e non cabía dúbida, aquel era o meu, pero estaba baleiro. Ollo desolada ó redor, ¡ai, a miña marabillosa bolsa, compañeira de fatigas de tantos anos!, e nesto vexo a un tipo, cunha pinta horrible, parado no pasillo coa miña bolsa na man, agarrada como se fose un trapo. ¡Esa bolsa é miña!, lle digo, ó tempo que lla arrebato das mans. O tipo entón responde de moi malos modos: ¡Esta bolsa estaba abandonada! ¡Como que abandonada, estaba no meu asento e alí vai ficar!, replico eu. Mentres o home explica a voces que ía levar a bolsa á policía para que se fixera cargo dela, eu boto unha ollada ó redor e comprobo con estupor que as simpatías dos ocupantes inmediatos do vagón están con aquel tipo vociferante. Un cego que está xusto detrás de min explícame que non están os tempos para deixar «unha mochila» abandonada. ¡E dalle! Nin é mochila nin está abandonada, insisto eu, xa en plan diálogo para besugos, e agora, ademais da bolsa vou deixar o anorak e vou mercar uns periódicos. A xente olla para min como se fose a irmá de Bin Laden. O tipo horrible, suorento, barrigudo, di a berros que lle corresponde o asento ó lado do meu, pero que por certo vaise cambiar de praza. Afortunadamente. Eu pensaba que a psicose de atentado só a padecían os americanos, pero, despois de verme tratada como terrorista potencial, penso que tamén aquí a padecemos.