VONTADE DE ENTRAR

OPINIÓN

22 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O tren entre Lodz e Varsovia ten un cheiro revellido á Renfe de terceira clase... Polos países que esmagara a bota rusa correu noticia de que a Unión Europea ten cores de Paraíso. Súmense a eles os pobos que Tito uniu malamente e comprenderase unha intensa vontade de entrar. Intensísima é en Polonia, país empeñado en fuxir do Leste. O visitante español ten que aturar con paciencia a teoría xeral dos polacos cos que viaxe no tren: Respecto da Unión -dinlle- España e Polonia logo veñen sendo o mesmo. Teñen un tamaño físico semellante, unha poboación (uniformemente católica) aproximada e un atraso tecnolóxico do mesmo nivel con relación á Alemaña. Por cortesía cómpre calarmos. Eles non saben que Franco iniciara o harakiri do réxime facilitando a aterraxe das multinacionais, a masificación do turismo e a exportación de man de obra á Europa avanzada. Os polacos coidan que non van sufrir cando rompan fronteiras. Esquecen o seu desastre xeral, aceptan que os camareiros se eternicen para servir nas cafeterías e que nos hoteis non se fagan os cuartos. Coma avestruces, cabeza no chan, ignoran o bulebule español, as etiquetas de calidade, as parroquias sen fregueses cando eles soñan con que o corazón de Karol Woytila sexa gardado en Polonia «como o de Chopin». Polonia, nación clerical, de confesións ostentosas nas igrexas, non é unha civilización plurinacional coma a española; non é unha ponte entre continentes. Polonia -hoxe- é territorio de mafias (capaces de furaren as pernas de quen no paga para o penduraren polos furados), de rameiras incontables ao axexo, de fábricas na ruína e mendigos arruinados polo vodka. Pero -observan viaxeiros ingleses con receo- Francia e Alemaña han facer o imposible para que Polonia sexa recibida como Eslovenia ou a República Checa, países pequenos e xermanizados, nas mellores condicións sociais e industriais para entraren no club do Occidente. Oxalá -insisten- non teñamos que lamentar as consecuencias de entrada prematura de Polonia na Unión Europea.