O CASTO CABEZAS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

15 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Onte prometín falar aquí do Casto Cabezas, tío dese amigo meu que o outro día andaba revestido de axente do KGB. Non dixen que o disfrazado, hai anos, me dixo que ía desfacer unha procesión do Corpus a tiros. Quedáralle esa querencia desde rapaz, un día que foran buscar ó seu tío, para prendelo, e a falta de pan, pois o home non estaba na casa, batéronlle á única muller que andaba por alí, que resultou ser a nai do futuro revolucionario. A procesión non a desfixo. Limitouse a facer algunhas folgas en Barcelona e algunhas cousas máis, aínda que nunca se pasou. Por eso agora pode celebrar o entroido desta maneira. O seu tío andara fuxido no monte, despois da guerra, cando eu era rapaz. Tiña unha lenda enorme, de home valente e destemido, invencible, capaz de meter unha bala polo bico dunha botella a vintecinco metros de distancia, ou de partir dun tiro un fío do tendido eléctrico. Operaba polas terras da Limia, a cabalo da fronteira, a un lado e ó outro da raia, e non se privaba de ir comer o pulpo á Feira Nova, nos ollos da Garda Civil. Canso de andar tirado polo monte, un día presentouse na casa do meu tío Benito, en Sabucedo, con quen tiña boa relación porque algunha vez o viñera buscar para que lle curase ós feridos. Dixo que quería entregarse, pero puxo condicións. Por exemplo, elixiu para facelo ó tenente Barreiros, que logo chegaría a coronel, porque o consideraba un home de honor. Entregouse na casa do meu tío, nun ambiente relaxado, contando incluso cómo escapara unha vez, xa cando o tiñan collido. Pasou no cárcere uns anos. Aínda se presentou ás primeiras eleccións por un partido raro. Non recordo que tivese moitos votos, aínda que tiña amigos.