ANDAR A PEDRADAS

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

02 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando eu era estudiante en Santiago gustábame moito lerlle en voz alta ós amigos un conto de Cunqueiro titulado O Coxo de Entrebo, que ven no libro Escola de menciñeiros. Todos acababan tirándose de risa polo chan e algúns remataban tamén por mercar a obra do escritor. O coxo chamábase Osvaldo Jove e levaba sempre con el as fotos das artistas que antes viñan nas caixas de mistos. Aqueles retratos servíanlle tanto para regalar a vista, como para escribir as receitas que o curandeiro aconsellaba para persoas e vacas. Daquela afección ás mulleres do espectáculo naceulle a Osvaldo Jove o costume de ir de cando en vez a Madrid para velas en carne e oso, e meterse en farra. Nunha desas, acabou os diñeiros e tivo que volver a Lugo andando coas súas pernas chambelas e curtas. Segundo di Cunqueiro, veu a pe, cazando coellos a pedradas polos campos de Castela e León, que logo asaba nas cunetas. En Lugo pediu tres reás para chegar en tren a Baamonde. Non sei por que, un dos momentos máis divertidos do conto era aquel no que se falaba de cazar os coellos a pedradas. Todo o mundo ría, supoño que polo contraste disparatado entre a arma, tan primitiva, e a rapidez nerviosa da presa, que un asocia coas escopetas de caza. Algo parecido me sucedeu onte, cando lin nos periódicos que o futbolista Figo, na cerimonia da súa voda cunha fermosísima moza nórdica, as emprendeu a pedradas cunha cámara de televisión. Tirar pedras non está ben, nin ós coellos nin ás cámaras, pero parece unha actividade máis civilizada que dar puñetazos, por exemplo. Sobre todo se non se esconde a man.