OUTEIRO DE SAN XUSTO / Manuel Espiña
28 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Despois de rematar na Coruña, da que marcharon encantados e agradecidos á Fundación Caixa Galicia e ó Concello e á Universidade, o Primeiro Congreso Internacional de Auliga, anque os escritores pasaron a Rianxo onde celebraron o seu xa Segundo Congreso Internacional de Traducción, o sábado pasado fomos a Pontedeume. E na vila do Eume tivémo-la asamblea anual da Asociación Médico Paulino e a entrega do premio deste ano, que foi concedido por unanimidade ó padre Silva, fundador de Benposta. Nun artístico papiro en letra gótica podíase ler: «... pola admirable solidariedade mundial da súa obra e por ser un modelo de honestidade e de transparencia». E no emotivo acto, como presidente desta asociación, antes da entrega do premio, contei unhas anécdotas da vida de Xesús Silva desde a súa xuventude na Universidade de Comillas, nas que se ve a súa personalidade de artista e de profeta defensor dos máis débiles. E, entregado o premio, nas súas verbas de agradecemento, chegou a dicir que o estimaba máis ca se fose o Nóbel da Paz, para o que foi proposto varias veces. Despois, no adro da igrexa, diante da monumental fachada que se debe ó gran eumés, o arcebispo Raxoi, doce rapaces do Circo dos Muchachos fixeron a súa artística e pedagóxica torre, entre os aplausos dos moitos asistentes, sobre todo nenos. Así, foi unha mensaxe popular ó padre Silva e a Benposta. Algúns comentaban que os que atacaron as recentes declaracións do ex-vicepresidente Barreiro Rivas eran unha demostración de que aínda queda fascismo franquista.