«Pódese ralentizar o proceso, pero hai danos que son irreversibles»

Cristina Porteiro
C. Porteiro REDACCIÓN / LA VOZ

MERCADOS

XOAN A. SOLER

Galicia non é allea á emerxencia ecolóxica que vive o planeta. O cambio climático e a escaseza de recursos imprimen un estrés crecente sobre as industrias galegas, aínda en cueiros no que a adaptación se refire. Especialmente a téxtil, volcada no modelo produtivo do «usar e desbotar»

29 sep 2019 . Actualizado a las 05:17 h.

Ángeles Pereira é unha autoridade na materia. Investigadora no ámbito da economía circular, admite que os datos actuais non invitan ao optimismo.

-Está preparado o tecido industrial galego para transformar os seus procesos produtivos?

-Estamos claramente nunha fase moi inicial. Os avances dependerán moito no cambio na mirada das empresas e os consumidores ademais dos avances da tecnoloxía. Algúns poden adaptarse de maneira máis rápida. Por exemplo, a industria forestal e madereira. Algunha empresa grande que temos en Galicia ten opción de recoller os residuos de biomasa e producir taboleiros. En sectores como o mar hai un gran potencial. A descarga de descartes abre oportunidades para usos no campo da cosmética ou da alimentación. A industria téxtil fai esforzos para incorporar materias primas recicladas nos tecidos ou materia prima renovable, pero existen de momento límites técnicos.

-Cal é o nicho onde hai peores perspectivas?

-Os sectores que sacan produtos de consumo novos cada pouco tempo con pequenas melloras. Están nunha dinámica que vai totalmente en contra da economía circular. Un exemplo son as industrias da moda e a electrónica. Para eles será un cambio radical. Iriamos a un modelo de aparellos deseñados para durar e, máis que fomentar a moda, para fomentar o apego ao produto, que se pode reparar.

-Iso son malas novas para Galicia. Boa parte da súa industria téxtil depende do xigante Inditex. Quedará desfasada?

-Estas empresas teñen gran capacidade innovadora. Están moi atentos a todos os cambios que suceden no mercado. Inditex ten o seu propio plan de economía circular. Hai outras empresas en Europa que están xa no modelo de prestar a roupa en lugar de vendela. Aféctalles enormemente a variación de prezos das materias primas que as empuxa a buscar outras alternativas.

-A superficie ecolóxica cae dende o 2011 e aumenta o uso de fitosanitarios. Vai por bo camiño o sector agrícola?

-As condicións existen, pero hai falta de vontade. Moitos dos residuos que se xeran no sector agrícola se poden aproveitar. Os bioresiduos se poden compostar. Pero estamos moi afeitos a traballar cun modelo de agricultura moi industrializado en lugar de optar por métodos máis ecolóxicos. En Galicia estamos sometidos aos intereses da industria. A rexión ten gandeiros pero non industria alimentaria potente. O produto agrario acaban transformándoo outras empresas e presionan para impoñer o seu modelo. As prácticas intensivas están moi metidas e compítese por reducir prezos ao máximo en lugar de apostar por modelos de máis calidade.

-É coherente que a UE promova obxectivos medioambientais e asine acordos de libre comercio como o CETA ou o Mercosur?

-Dificilmente. Se apostamos pola economía circular e sustentable deberiamos apostar pola economía de proximidade. As empresas dividen os procesos produtivos en múltiples fases e pasan por moitos países antes de chegar ao consumidor final. Por outra banda, pode ter efectos positivos porque os acordos (da UE) esixen mellorar os estándares medioambientais.

-Levamos medio século acumulando déficit ecolóxico. É realista pensar que os plans de economía circular chegan a tempo?

-O problema é non facer nada. Calquera cousa que se faga ralentiza ese proceso que, en calquera caso, é irreversible. Hai moitos danos provocados e perdas irrecuperables. Hai recursos non renovables que están esgotados. O que pasa é que a sociedade, nos últimos anos, está máis concienciada, pero tamén pechamos os ollos buscando o aumento continuo dos beneficios e satisfacer necesidades que ás veces son cuestionables.