Patrocinado porPatrocinado por

Raquel Souto: «Coma no mar, en ningún sitio»

SOMOS MAR

Pinto & Chinto

A patroa maior da confraría de Cabo de Cruz accedeu ao cargo nin momento difícil e está a piques de rematar xa o seu mandato

06 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Raquel Souto (Boiro, 1983) é unha das escasas patroas maiores que hai nas confrarías galegas. Accedeu ao cargo nun momento difícil e está a piques de rematar xa o seu mandato. Di que non se vai presentar outra vez. Xa veremos. O caso é que dá a impresión de que sempre está moi apurada. Falamos no despacho que ten na confraría de Cabo de Cruz, rápido, porque ten unha axenda moi comprimida. Entre os furtivos, as ameixas e a mina de Touro -á que se opón a confraría- téñena absorbida. Pon por diante que non lle gustan as entrevistas, pero nesta semana había que buscar unha muller coma ela.

-Que a levou a presentarse ao cargo?

-Faltaba xente para a xunta xeral e presenteime voluntaria. Ao final saín elixida.

-E que tal a experiencia?

-Ben, pero bastante dura, porque tes que compaxinar o teu traballo do mar coa confraría e co traballo da casa. E tampouco é que teñas tanta axuda. Ao fin e ao cabo sempre somos os mesmos os que saímos a todo, e ao final acábaste queimando.

-Remata o mandato, vaise presentar de novo?

-Non, non.

-E os compañeiros non lle piden que quede?

-A verdade é que tampouco o vou dicindo moito por aí.

-Ten fillos?

-Non. É que con fillos xa sería imposible.

-Vostede é mariscadora.

-Si, mariscadora a flote, en embarcación. Antes ía con meu pai, xubilouse e agora vou coa miña parella.

-Como está a ría?

-Facía falta mirar por ela, porque hai puntos de vertedura non controlados, depuradoras que están sen funcionar... Había que sanear as rías un pouquiño mellor.

-Hai pouco, Victoriano Urgorri falaba nesta páxina da crenza popular de que o mar aguanta todo, pero claro, todo, todo...

-Eu non sei se aguanta todo, pero xa empeza a botar por fóra, e estámolo vendo.

-Dá a impresión de que a xente do mar sempre está laiándose. Cando lles vai mal e cando non.

-Nós non nos podemos queixar nestes últimos anos. Estamos vendendo a bastante bo prezo e estamos tendo bastante marisco. De aquí en diante xa veremos, porque non somos capaces de acabar co furtivismo. Son bandas tan organizadas que che vixían máis eles a ti que ti a eles. Con tantos quilómetros de costa combater o furtivismo foi bastante difícil. Antes había máis furtivos na praia que mariscadores.

-Aquí tiveron un furtivo famoso.

-Si. O Chicle.

-Que é o máis raro que sacou da ría?

-Hmmm. Non sei. Meu pai atopou unha vez un reloxo de ouro. E aínda o ten hoxe.

-Antes, as mulleres mariscaban a pé e os homes na barca.

-Nos últimos anos empezan a estar máis mesturados. Entraron moitos homes.

-Iso tamén é igualdade.

-Claro, claro.

-Parécelle que está valorado o traballo da muller no mar?

-Nin se coñece nin está valorado. Os esforzos, estar todo o día metida na auga...

-Vostede comparte o traballo no mar coa súa parella. Tamén comparten as tarefas na casa?

-Home, claro. Cando saímos de traballar, se eu vou a unha reunión e el vai para a casa, cando chego tenme a comida feita. Repartímonos as tarefas.

-Sempre traballou no mar?

-Non. Traballei nunha fábrica, probei en Suíza, estiven na limpeza, de xardineira, atendendo o aparcadoiro de Boiro... Pero coma no mar en ningún sitio. Non é mal traballo. É moi sacrificado, pero tamén é moi bonito. Estás ao aire libre, podes falar co compañeiro, es o teu xefe... es máis libre.

-Diga unha boa receita para unhas ameixas da ría.

-Á mariñeira é a mellor receita. Allo, perexil, cebola, un tomate e un pouquiño de viño, refogado un pouquiño. Bótanse as ameixas cun pouquiño de auga, un chisco de fariña para que espesen e xa está.

-Vostede dirá que non hai ameixas coma as de Boiro...

-Cada un bota para si, pero eu digo que os prezos están para ver. Aquí vendemos a xapónica a 25 euros. A fina estivo no verán a 75 euros. Abres unha ameixa e bota por fóra.

-¿Cal é o sitio máis bonito que coñece?

-A praia de Carragueiros.

-Ten afeccións? Que lle gusta facer cando non traballa?

-Agora non teño tempo para nada. Só para descansar na casa. Este é un traballo duro.

-A quen poñería unha xornada a mariscar para que soubese o que é: a Pablo Iglesias, a Albert Rivera, a Pedro Sánchez ou a Rajoy?

-A Rajoy. Xa que é de Pontevedra...

-Como é un día perfecto para vostede?

-Pois un día no que hai marisco, acabas cedo, chegas á lonxa e vendes o teu produto a bo prezo, e, se non hai furtivos, xa é un día perfecto.

-Que é o máis importante na vida?

-Ter saúde e ter traballo.