Patrocinado porPatrocinado por

«O 'brexit' vai afectar a todo o sector pesqueiro»

G. Lemos REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

CONCHI PAZ

Tras vinte anos de carreira no sector pesqueiro, Mercedes Rodríguez, é dende onte a nova Directora Xeral de Pesca da Xunta

31 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras vinte anos de carreira no sector pesqueiro, Mercedes Rodríguez (Foz, 1971), ata o de agora directora xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, é dende onte a nova Directora Xeral de Pesca da Xunta.

-¿Cando lle propuxeron o cargo?

-Xa fai algúns días que a conselleira falou comigo e deume un tempo para pensalo.

-¿Dubidou?

-Tíveno que pensar, porque teño a miña vida feita na Mariña e unha nena pequena. E, aínda que teño moita experiencia, é dende o sector privado, así que sempre dá algo de vertixe o cambio, pero o asumo con ganas.

-¿E como encara o cambio de rol? Porque ata agora estaba no outro lado da mesa de negociación...

-Eu creo que a experiencia que teño permíteme ter un coñecemento moi directo dos problemas que hai no sector, aínda que sexa parcial. Esa proximidade tería que valer de axuda, porque na pesca o sector público e o privado teñen máis puntos de coincidencia que de choque.

-¿Cre que esa experiencia previa tranquiliza ao sector, que nestes últimos meses mobilizouse contra algunhas decisións da Xunta?

-Habería que preguntarlle ao resto do sector. Pero eu teño claro que dende o meu anterior posto traballei polo sector e o penso seguir facendo. E teño asumido que é algo que a consellería leva facendo dende hai moito tempo, así que serei unha máis.

-¿Cales son os principais retos da pesca galega?

-Temos tres problemas importantes. Un é o brexit, que aínda que pareza moi lonxano, é moi importante dende o punto de vista de recursos, de cotas, como dende o do mercado, porque pode cambiar as regras de xogo. E estou convencido de que nos vai afectar a todo o sector. E no sector extractivo hai dúas cuestións: a modificación do regulamento de medidas técnicas, que corremos o risco de que nos queiran poñer unhas medidas afastadas da realidade, que o único que fagan sexa entorpecer a actividade pesqueira. E logo está a implantación da obriga de desembarque, que tamén vai afectar absolutamente a todas as frotas que capturan especies suxeitas a cotas. E tamén vai ter incidencia no sector transformador, porque está a cuestión de que se vai facer cos antigos descartes, que non se van poder comercializar pero que hai que traer a terra. Son problemas que parecen moi xenéricos, pero vannos afectar e temos que ter a suficiente capacidade para afrontalos e, na medida do posible, tratar de sacar vantaxes.

-Está tamén o tema candente da lei de acuicultura, un tema no que non ten tanta experiencia...

-Aínda estou aterrando, pero sei que a conselleira traballa a carón do sector e agora veremos como desenvolver a normativa.