«Para os pequenos gandeiros, unha cooperativa é imprescindible»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

Felpeto prefire unha cooperativa pequena ca unha grande con problemas entre os socios
Felpeto prefire unha cooperativa pequena ca unha grande con problemas entre os socios PALACIOS

Fina Felpeto, presidenta de Almoga, afirma que as explotacións de pequeno tamaño terán que diversificar o seu labor

16 abr 2024 . Actualizado a las 18:09 h.

Alta Montaña Galega é o nome de Almoga, cooperativa que ten a sede en Vilalba e á que pertencen uns cincuenta gandeiros de Vilalba, de Xermade e doutros concellos próximos, tanto da Terra Chá coma da comarca do Eume. As súas explotacións son de carne. Felpeto non rexeita a entrada de xente doutras zonas, pero engade que prefire unha cooperativa «pequena e fiable» e non medrar por medrar. «É mellor sermos poucos e levármonos ben que sermos moitos e andarmos a paus», di.

—Almoga é unha cooperativa pequena en socios, formada por gandeiros de pequenas explotacións. Ten sentido?

—É a única maneira que temos para defender os nosos animais. Se es un gandeiro pequeno e non estás agrupado, estás condenado a falar con tratantes, que che pagarán o que eles queiran. Ten moito sentido unha cooperativa para gandeiros pequenos, o cal non quere dicir que para os grandes non a teña; pero para os pequenos é imprescindible.

—Pensou algunha vez Almoga en unirse con outras cooperativas pequenas?

—Tivemos unha experiencia que saiu mal [Gandeiros da Chaira, cooperativa de Xermade uniuse con outra, Xertiriz, para formar Xertigán, que acabou desaparecendo]. O que se bota de menos nunha cooperativa grande é o trato humano. Nunha cooperativa grande es un número; nós somos unha familia.

—Pode ser prexudicial nalgún momento o feito de seren unha familia? Hai decisións que quedan pendentes por esa proximidade?

—Nós damos consellos; despois os socios fan o que consideran correcto. Pero se temos que darlle un tirón de orellas a alguén, dámosllo.

—Almoga é unha cooperativa de gandeiros de carne. Tan distinto lles resulta a vostedes o mundo do gando vacún de leite?

—Si o é. Cada un ten problemáticas diferentes. Uns e outros vendemos produtos de animais, pero son traballos e mundos distintos.

—Algúns membros de Almoga tamén son agricultores. Prevé que a agricultura vaia a máis?

—Unha explotación pequena é insostible se non se diversifica. O gando vacún de carne deixa máis tempo ca o de leite; e se dedicas ese tempo á agricultura, tes unhas maiores posibilidades de ingresos.

—Pode ser Almoga unha cooperativa tamén agrícola?

—Varias veces se tentou facer un grupo de horta, pero fai falta unha cantidade suficiente para saír ao mercado. A idea está aí, aínda que aparcada. Para subsistir, temos que tirar cada vez máis cara á agricultura, porque cada vez se come menos carne.

—Está o futuro nas pequenas explotacións?

—Creo que o futuro vai máis cara ás grandes. O futuro é que os veciños se unan ou que esas explotacións sexan collidas por gandeiros de explotacións máis grandes. Non hai relevo xeracional hoxe.

«Cansa ser directiva, o doado é ser cooperativista»

Almoga creouse por iniciativa de gandeiros que procedían dunha cooperativa pechada pouco antes e que xa fixeran parte doutra. Felpeto cre que ese comportamento posúe valor. Se se lle pregunta se Almoga constitúe un exemplo, di: «Quizais si, aínda que só sexa por perseverar». A presidenta xa ocupou ese posto en Gandeiros da Chaira, algo que ten as súas consecuencias: «Cansa ser directiva, o doado é cooperativista», comenta.

De cerca

Inicio.

Fina Felpeto vive en Roupar (Xermade), onde ten unha explotación de gando vacún en réxime ecolóxico.

Traxectoria. 

Foi presidenta de Gandeiros da Chaira, cooperativa con sede en Xermade que se fusionou con outra do concello, Xertiriz, para formar Xertigán.

Evolución.

Preside dende a súa creación Almoga, cooperativa constituída ao pechar Xertigán.