Becerreá volveu ás raíces da Feira do 12

L.G.C. LUGO / LA VOZ

BECERREÁ

Numerosos veciños e visitantes acudiron ao evento

12 dic 2020 . Actualizado a las 17:34 h.

Becerreá recuperou este sábado de decembro a súa Feira do 12. Fíxoo da man dunha trintena de produtores locais que expuxeron e venderon dende alimentación a artesanía. Un bo número de veciños e visitantes acudiron a unha feira que se celebrou por primeira vez no ano 1873 e que se retomou, durante doce anos, a partir do 1951.

Desta volta foi a asociación Rente ao Couce e o Concello os que quixeron demostrar o potencial dos produtos da zona reuníndoos nun mesmo espazo. Alí puideron degustarse e mercarse queixos, traballos de artesáns ou cervexas lucenses. Laura Pardeiro recibiu o Foucín de Honra de Rente ao Couce polo que transmite a través do seu blog Leiras e Marcos.

Pola súa banda, o historiador e fundador de Patrimonio dos Ancares, Xabier Moure, foi o encargado de falar, ás doce da maña na casa da cultura, da importancia que teñen os mercados locais para a montaña lucense. Un xeito de ter presente a historia da zona e de Galicia.