Música ao aire libre nas tardiñas de xullo en Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Tanxugueiras presentarán ao público lugués o seu último traballo, «Midas».
Tanxugueiras presentarán ao público lugués o seu último traballo, «Midas». CEDIDA

O trío Tanxugueiras inaugura o ciclo de concertos Na Bocanoite o día 7 ás 20.30 horas na solaina da Casa do Saber

30 jun 2021 . Actualizado a las 10:59 h.

O ciclo musical Na Bocanoite, incluído no convenio Lugo Cultural (xestionado pola USC co apoio económico do Concello de Lugo e a Deputación), manterá viva a oferta cultural ao aire libre na capital luguesa este mes coa celebración de catro concertos ao vivo que transformarán a solaina da Casa do Saber en escenario e o adro da catedral en espazo de lecer.

Tanxungueiras, o trío de pandeireteiras e cantareiras galegas creado hai un lustro por Aida Tarrío e as xemelgas Olaia e Sabela Maneiro, abrirá o 7 de xullo, ás 20.30 horas, a segunda edición do ciclo Na Bocanoite, cun espectáculo sonoro que servirá para presentar ao público lugués o seu último traballo, Midas, un disco no que estas empoderadas cantareiras da nova década mesturan a tradición e a vangarda. Este disco leva o nome dun tema homónimo, a través do que Tanxungueiras dá conta do seu poderío e da súa enerxía, ao tempo que xira cara a fusión da súa música con estilos máis urbanos, próximos ao trap ou á música electrónica, un camiño que xa comezan a explorar no anterior álbum.

Marcos Teira será o protagonista de Na Bocanoite o 14 de xullo, data na que está programado o concerto de presentación de Nós, o último disco do guitarrista nado na Pobra do Caramiñal. Neste traballo, Marcos Teira conta coa colaboración musical de Alfonso Calvo (baixo), Moisés Fernández (percusión) e Alejandro Vargas (piano). A última achega musical de Marcos Teira supón o peche dun círculo comezado hai 25 anos e que o levou a percorrer escenarios por todo o mundo. Daquela, neste álbum, o sétimo do guitarrista da Pobra, Teira pasa temas de jazz polo filtro do flamenco, outra das súas grandes paixóns.

O ciclo Na Bocanoite ofrecerá ao público lugués e tamén aos visitantes que se acheguen ata a cidade amurallada na tardiña do 21 de xullo a posibilidade e gozar dos poemas musicados de Lorca. Nesta nova entrega do chamado Proxecto Lorca, o elenco de intérpretes estará conformado por Noelia Geada e David Taboada, Nebra, Infrarroja, Muruáis e Monsal e Condensadores de Fluzo.

O dúo Caamaño&Ameixeiras, integrado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz), pechará o 28 de xullo a nova entrega de Na Bocanoite, unha iniciativa cultural que agromou desde Lugo Cultural como alternativa para achegar a cultura e as creacións de artistas galegos ao público e que, logo do éxito colleitado na súa edición do 2020, semella terse consolidado como un programa acaído e atractivo para o verán lugués.

As catro actuacións comezarán ás 20.30 horas. A entrada aos concertos, cuxo aforo pode verse condicionado pola situación sociosanitaria derivada da pandemia da covid-19 é gratuíta, aínda que se require solicitar convite con antelación. Daquela, as persoas interesadas deberán tramitar a súa petición de entradas no correo electrónico cultura.lugo@usc.es. Tamén se pode obter máis información no teléfono 982 821 513. O aforo é limitado para todos os concertos e en caso de choiva as actuacións serán no auditorio Gustavo Freire.

Findecurta

O certame Findecurta, unha convocatoria a prol do cinema en galego promovida no Lugo Cultural, celebrará o día 8 ás 20.30 a cerimonia de entrega de premios da súa sexta edición no auditorio Gustavo Freire, no marco dunha gala na que o público poderá visualizar todas as propostas presentadas ao certame. A entrega dos galardóns ás dúas mellores cintas será ao remate. Os interesados en asistir como público á festa do cinema galego da man de novos creadores poden solicitar convites de balde en cultura.lugo@usc.es. Máis información no 982 821 513.