Tanxugueiras: «Temos moitísimas ganas de tocar nalgún festival indie»

Foron unhas das grandes animadoras do confinamento. Concertos nas redes, entrevistas, faladoiros, colaboracións... O caso foi non parar e botar por fóra

O grupo Tanxugueiras o pasado mes de xaneiro
O grupo Tanxugueiras o pasado mes de xaneiro

Lévano no sangue e ben que se lles nota. Enriba dun palco ou dende o sofá do salón. Irradian aquilo que son. E nada ten un maior poder de sedución. Nunca tres pandeiretas deron tanto que falar. E tanto que escoitar. Se con Contrapunto alborotaron o galiñeiro da escena tradicional, durante o confinamento alborotaron as redes. «Si, sentímonos redeiras. Pero das que están nos peiraos tecendo as redes ata que poidamos saír a pescar», conta Sabela Maneiro.

—Fostes das que máis traballastes durante o confinamento. Esas wifis botaron fume.

—Si, pero foi por egoísmo puro. Se estamo quietas, apagámonos. Nós necesitamos actividade, cousas novas todos os días. E a nosa solución foi esa, estar en contacto coa nosa xente, os directos en Instagram e en Youtube… Necesitabamos iso. E cremos que tamén o necesitaba a xente.

—Primeiro foron os Tanxuvermús e agora «Mira unha cousiña». Colléchelles gusto ao asunto dos faladoiros virtuais?

—A nos encántanos falar, é algo que levamos no ADN. Pero o que máis nos gusta é poder achegarnos a músicos, poetas, xornalistas, e que nos dean a súa visión das cousas ou do que están facendo. Porque todos aprendemos de todos. E iso é o que queríamos facer. Unha comunidade onde falemos de ti a ti, como amigos, e na que poidamos expresarnos libremente.

—Que ou quen foi o que máis vos sorprendeu?

—Sorprendeumos moitísimo a xente que nos segue. Non é moita pero si moi fiel. Sempre están aí. Sorprendeunos, por exemplo, que cinco persoas que non se coñecían de nada máis que de ver nas redes os nosos directos fixeran un grupo de Whatsapp para falarse. Pareceunos superbonito. Cousas así son as que nos dan a forza para dicir que isto foi unha pedra no camiño pero que con esas pedras faremos pontes.

—Non faltaron voces críticas cos streamings de balde.

—Nós non cremos que estiveramos regalando nada. Unha cousa é o noso traballo e outra diferente o entretemento que lle poidas dar, non só ás persoas que nos estaban escoitando senón a nós mesmas. Nós necesitábamos ese contacto. É criticable? Se cadra si. Pero hai moito que xa non perdemos o tempo coas críticas que non nos representan.

—Vouche devolver unha pregunta que lle fixestes aos vosos seguidores a través das redes: Quen foi a persoa a quen máis botaches de menos?

—A miña irmá, sen dúbida. É que nós, de sete días da semana viámonos seis. Olaia é a persoa principal da miña vida.

—Como foi ese momento do encontro das tres tras o confinamento?

—Foi moi raro. Foi como se nunca tivese pasado isto e á vez como se tivera pasado moito tempo dende a última vez que nos víramos. Anos, incluso. Foi como unha contradición… Houbo choros e todo.

—«Co corazón nós cantamos / para demostrarlle ó mundo / que isto é o que nós amamos», dicides en «Irmandade». Semella unha declaración de principios en toda regra. Son tradicionais as letras de todas as vosas cancións?

—Hai algunhas que non, pero tampouco dicimos cales porque queremos que queden aí, que a xente as colla e que fagan as súas propostas con elas. Ás veces é moi difícil encontrar coplas. Estamos fartas de que a xente pense que na música tradicional o que estás contando non ten sentido ningún. Non todo é «unha noite no muíño», «unha noite no muíño». O que pasa que hai que ler e buscar esa copla que diga algo semellante ao que ti queres contar e tráela ao actual contexto.

—Como vos levades cos puristas?

—Pois mira, levamos unha sorpresa moi grande con este último disco porque tivo unha acollida moi boa tanto entre os puristas como entre xente que nunca escoitaba tradicional. Respectaron a nosa proposta e valoraron o traballazo que hai detrás dela. Home, sempre hai que nos vai criticar, fagamos o que fagamos, pero xa che digo que iso tráenola ao pairo. Nós somos das que cremos que a tradición muda e que temos que mantela viva. Claro que temos que facer traballos etnográficos, pero tamén ir aportando algo novo. Nós nunca fomos moito de volver facer o que xa se fixo. Preferimos aportar. Que algún día se diga: aquí estiveron as Tanxugueiras e deixaron isto. E ao mellor daquela xa será tradición.

—Contábame Rodrigo Cuevas que de cando en vez pincha en pubs, e que cada vez que pon un tema de Tanxugueiras a xente vense moi arriba. É moi importante gañar novos lugares e novos momentos para a música tradicional, non si?.

—Dende o primeiro momento o obxectivo principal de Tanxugueiras foi poñer a nosa música tradicional o máis alto que puidésemos, abrir camiños e dicirlle a xente que veña detrás «facede o que vos apeteza, pero facede». Para nós, que a nosa música se escoite en sitios aos que non chegaba a música tradicional e a xente poida chegar a entendela e a gozar dela, é a vitoria máis grande que podemos ter.

—Xa está tardando algún festival indie en contar con Tanxugueiras no seu cartel.

—Non é algo imposible. Nós, dende logo, intentarémolo. Temos moitísimas gañas de tocar neses festivais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Tags
Comentarios

Tanxugueiras: «Temos moitísimas ganas de tocar nalgún festival indie»