Carmen Conde, creadora luguesa: «O dixital é o novo formato de vida»

A directora da Compañía de Teatro USC-Lugo prepara con ensaios virtuais a peza «A emperadora», que esperan estrear en marzo no Festival de Teatro Universitario

Ensaios de teatro virtuais
Ensaios de teatro virtuais

La Voz / Lugo

O teletraballo chegou tamén ao teatro, que cambiou o escenario pola cámara web, permitindo así que os ensaios continúen. A polifacética creadora luguesa Carme Conde (narradora, actriz, guionista, dramaturga...) tomou as rendas este curso da Compañía de Teatro USC-Lugo, nun contexto completamente novo e complexo; pero iso non foi impedimento para idear novas formas de traballar, adaptadas ás restricións da pandemia. É por iso que, desde hai días, dirixe sesións virtuais cun grupo de oito actores e actrices afeccionados, que «contrarrestan con moita paixón calquera tipo de dificultade». Os ensaios virtuais, grazas ás novas tecnoloxías, están permitindo á compañía teatral do Campus lucense avanzar no traballo de preparación da súa nova montaxe, A emperadora, unha creación propia que prevén estrear a finais de marzo no marco do Festival de Teatro Universitario de Lugo.

«A decisión é pouco menos que unha saída cara a adiante», comenta Conde, quen, na súa primeira experiencia á fronte da compañía universitaria luguesa, non dubidou en botar man dos recursos en liña para afianzar como grupo os integrantes dunha formación novel, ademais de familiarizalos cos textos nos que están a traballar. «Os primeiros ensaios virtuais están a ser todo un éxito», subliña a directora da compañía, aínda que recoñece que «traballar e compartir experiencias a través da pantalla non é o mesmo que os ensaios ao vivo, nos que se produce un maior intercambio de emocións e sensacións». Pero engade que «nesta primeira fase na que estamos, na que prestamos máis atención ao texto e ás voces que á representación escénica, a formación en liña resulta moi útil».

Compañía de teatro universitario de Lugo
Compañía de teatro universitario de Lugo

«O dixital é o novo formato de vida», sentenciou Conde, ao tempo que indicou que unha das cousas positivas desta modalidade de traballo é que «podemos estar sen máscara e vémonos as caras». Aínda así, esta creadora luguesa recoñeceu que «o elemento físico é imprescindible no teatro, polo que estes primeiros ensaios virtuais non abondan, aínda que si permiten afondar no dominio dos textos e tamén no proceso de identificación coas personaxes».

Temática funeraria

Ilusionada coa posibilidade de poder estrear unha peza teatral de autoría propia e tamén dirixida por ela mesma na próxima edición do Festival de Teatro Universitario de Lugo, un certame que previsiblemente se desenvolverá na semana do 22 de marzo, Carmen Conde adiantou que A emperadora constitúe unha creación propia que responde á temática funeraria: «Trátase dunha peza de humor negro baseada nunha historia real acontecida nun entorno rural».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Carmen Conde, creadora luguesa: «O dixital é o novo formato de vida»