Manuel F. Rodríguez: «Xa estou preparado para todo, este Xacobeo a min non me sorprende»

uxía carreira LUGO / LA VOZ

LUGO

Manuel F. Rodríguez
Manuel F. Rodríguez Sandra Alonso

O sarriao leva traballando para o Camiño dende o Ano Santo do 1993

10 ene 2021 . Actualizado a las 22:07 h.

Manuel F. Rodríguez fixo o Camiño de Santiago por primeira vez no 1976, dende Sarria, o seu pobo natal, cando peregrinar ata a estatua do apóstolo era unha cousa de moi poucos. Foi unha experiencia que lle gustou, pero tivo que esperar ao 1993 para que o Camiño lle cambiara a vida radicalmente. «Un ano de descubrimento». Así resume o seu ingreso como responsable de prensa no primeiro xacobeo ese mesmo ano. Despois do 93, pasou a ser técnico cultural e agora enfróntase ao seu quinto Xacobeo, que tamén é o quinto de toda a historia. Rodríguez leva todos estes anos divulgando e investigando sobre o Camiño, sendo partícipe e testemuña da súa transformación cara o gran público.

-Qué é a Sociedade Anónima do Plan Xacobeo?

-Un equipo de xestión fundado para o Xacobeo 93 coa finalidade de promocionar aquel Ano Santo. A idea era que desaparecese cando rematara, pero ante o boom que foi, prolongouse ata a actualidade.

-Cales son as súas funcións como técnico cultural?

-A maior parte dos anos dediqueinos a levar as relacións coas asociacións do Camiño nacionais e estranxeiras, expandir a rede de albergues e divulgar coñecemento. É un traballo continuo que era demandado por moita xente, recibiamos consultas constantes a medida que crecía a ruta xacobea.

-Como cambiou dende o primeiro Xacobeo ata este?

-Nos anos 90, o Camiño era moi minoritario. Daquela había 2.000 ou 3.000 peregrinos ao ano. Cando comezamos a falar cos xornalistas estranxeiros no momento, non che crían que fora un itinerario de dimensión europea, e iso pasaba incluso cos españois. Menos mal que no ano 1987 o Consello de Europa declarouno o primeiro itinerario cultural europeo e fixo un mapa onde se marcaban as rutas principais. Se non fose polo documento oficial ,todos pensaban que lle estabas contando unha milonga. Santo mapa! Despois no 93, e grazas sobre todo á labor das asociacións, o Camiño chegou ao gran público.

-O Xacobeo 93 foi un antes e un despois?

-O Camiño xa estaba vivo antes, pero non tiña os mesmos peregrinos que agora. Os primeiros en chegar a Santiago conscientes de que estaban facendo a ruta medieval eran franceses, italianos, xaponeses... Xa no 1950 creouse a primeira asociación de amigos do camiño en París. O 93 propiciou a gran apertura, sobre todo pola rede de albergues públicos.

-Como cambia o seu traballo ante un ano Xacobeo?

-Evidentemente hai cambios, pero nós traballamos para o Camiño, que é algo permanente. O Ano Santo naceu 500 anos despois que o Camiño, e o Xacobeo, como programa civil e cultural, hai apenas 28. Os anos santos son cíclicos, pero o Camiño non. Así que a nosa labor é de tódolos días.

-Entón como se enfronta ante este tan atípico?

-Estou preparado para todo, a min xa non me sorprende nin é nada especial. Xa son moitos anos nisto, para min o Xacobeo especial foi o primeiro, nin sequera o do 99, o 2000, 2004 ou 2010 foron distintos. Dende o 93 o Camiño pasou a ser parte de min. Teño moita sorte de traballar en algo que sinto tan propio, que pasa pola miña terra natal, Sarria.

«Se nos quedamos no turístico, estamos mortos; o sustento é a cultura»

O sarriao viviu o proceso inverso dos apaixonados do Camiño. Primeiro descubriu a información sobre a ruta xacobea e despois foi peregrino, deses que sempre repiten e se quedan enganchados. Por iso, e como técnico cultural, entende primeiro o fenómeno histórico que é o Camiño e despois a utilidade do Xacobeo.

-Que potenciais deben reforzarse para este dous anos?

-Mira, por exemplo, Sarria, a miña vila. Nin a maior campaña turística do mundo conseguiría que a xente visitase e volvese a Sarria. O Camiño de Santiago faino gratis. O que hai que facer e non ver este itinerario con ollos convencionais si queremos que este fenómeno dure, e dure con calidade, porque é algo moi sensible.

-Por qué é sensible se está consolidado?

-Hai dúas clases de peregrinos. Os que chegan a Santiago en medios de transporte convencionais, que acoden nunha condición máis de turistas pero no Ano Santo son chamados igualmente así. E están os peregrinos do Camiño. Estes son xente moi culta, que sabe a conciencia o que está facendo. Estes camiñantes non peregrinan ata Santiago polo superficial; camiñan pola singularidade do Camiño, porque cada vez é diferente, porque os respectan como o que son. Os peregrinos que volven constantemente a Santiago sempre buscan a diferenza. E se non se mantén iso, a sensibilidade e as emocións que sente o peregrino, o Camiño morre.

-Non se está mantendo?

-Hai algo que a min me molesta e é a unificación no Camiño que está xurdindo nos últimos tempos tras o seu auxe. O mesmo tipo de bar, o mesmo tipo de hotel, incluso o mesmo trazado exacto de asfalto. Se nos quedamos no turístico, estamos mortos. Hai un factor económico porque hai un factor cultural, non ao revés. O Camiño está beneficiando sobre todo a una poboación rural, situándoa no mapa, pero iso funciona porque hai un cultura que o sustenta. Xa no Xacobeo do 1993, nós puidemos vender a ruta aos xornalistas estranxeiros que lle deron eco porque había una historia de 1.200 anos na que se apoiaba.

-Hai algún punto histórico especial para vostede?

-Cada un ten o seu. O propio itinerario en si é o maior patrimonio, despois cada un vai atopando un. Eu teño unha relación especial con Barbadelo, pero gústame a historia dun peregrino andaluz máis que a miña. Nesta aldea atópase o Muíño de Marzán, eu lembro ir co meu avó de pequeno en cabalo. Por alí pasa o Camiño, é un sitio precioso que tiña un regato pasando polo medio. Un compañeiro andaluz que peregrinou por esa ruta pediu que cando morrera se tiraran as súas cinzas no muíño. Foi o seu sitio especial a pesar de ser un punto máis da peregrinación.

-E que relevancia ten a tradición da Porta Santa?

-É unha das cousas que defendo porque é un símbolo histórico de gran importancia para as persoas relixiosas. Pero hai que saber que para gañar o xubileo non fai falla pasar por baixo dela, igual que non é necesario facer o Camiño de Santiago. De feito, tamén vale para os peregrinos que non fan a ruta. É un símbolo do Ano Santo que imita á porta de Roma, que foi a primeira, no século XIV. Xesús dixo que el era esa porta, polo que se pasabas por alí camiñabas cara el. É outra proba da fonte de historia que é o Camiño.

«A pandemia será unha etapa máis do Camiño»

O quinto xacobeo de Manuel non será un ano santo calquera. A pesar da excepcionalidade, o técnico está convencido de que será un paso máis.

-Que significará esta pandemia para o Camiño?

-Xa pasou pestes, epidemias.. Hai moito que non ten unha crise e esperemos que tarde en chegar.

-Esta non será unha delas?

-Non, será un feito máis. Nesas epidemias da Idade Media, o Camiño paraba durante un tempo. Pero sabes o que pasaba despois? Os peregrinos volvían con moita máis gana, máis fame de Camiño. Con isto non lle quero quitar importancia ao que está pasando, que é terrible.

-Que importancia simbólica ten a ampliación ao 2022?

-Paréceme ben. O proceso de recuperación e vacinación semella que levará practicamente todo o 2021, así que entendo que a Igrexa o decidise. Outra cousa é como o interprete a xente, porque o 2022 non é exactamente o ano compostelán, é unha prórroga. Non sei se funcionará como Ano Santo en si mesmo, que é un celebración simplemente relixiosa.

-Pesa máis o Ano Santo que o Xacobeo?

-Van perfectamente ligados, sen un non hai o outro, aliméntanse. O Xacobeo 21 terá como obxectivo a promoción cultural e turística grazas a que é Ano Santo, que traerá beneficios para o Camiño. Pero hai moitos anos que a ruta xacobea non necesita a ningún dos dous, é un itinerario que funciona por si mesmo. Estas citas cíclicas, que evidentemente son un impulso, serven para que as administración invistan máis nas infraestruturas e nas redes dos que viven do Camiño.