«O que non arde», o programa de axudas da Deputación para os concellos que actúan contra os incendios
LUGO
O cineasta Oliver Laxe presta a súa imaxe ao plan, que conta cun orzamento de 60.000 euros
05 ago 2020 . Actualizado a las 18:26 h.A deputada nacionalista responsable de Medio Rural da Deputación de Lugo, Mónica Freire, presentou o plan de axudas dotado con 60.000 euros para o mantemento de faixas de biomasa «O que non arde». O programa, que conta coa imaxe do cineasta Oliver Laxe, servirá de apoio aos concellos da provincia que velen polo cumprimento da normativa de prevención e defensa dos lumes forestais mediante plans de xestión e mantemento das faixas secundarias de biomasa e faixas laterais das redes viarias municipais.
O programa artéllase, segundo detallou Freire, en dous eixos. Nun primeiro, os esforzos están dirixidos ao fomento da prevención dos incendios forestais, facendo fincapé na roza de masas forestais, matogueiras e outras formacións espontáneas, nas faixas de laterais da rede viaria municipal. O segundo eixo destinado ao mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa fomentando a adquisición de plántulas de especies arbóreas autóctonas.
O programa de axudas se implementará a través de convenios interadministrativos de colaboración entre o ente provincial e aqueles concellos que cumpran tódalas disposicións normativas vixentes a día de hoxe en relación á prevención de incendios.
Colaboración cos concellos
A deputada nacionalista sinalou que «o programa pretende mitigar a orfandade na que sumiu a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia a todos os concellos galegos ao obrigalas a asumir as competencias de vixilancia sobre o cumprimento da lei de incendios, sen habilitar medios ou recursos para executalas».
«O que non arde» é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo neste ámbito. Trátase dunha iniciativa pioneira e prioritaria dentro das liñas de traballo que se desenvolverán ao longo da lexislatura, segundo destacan desde Medio Rural.
Os concellos que cumpran os requisitos, poderán solicitar a colaboración ata finais deste mes de agosto, e para elo, farán unha solicitude formal, onde incluirán as accións a executar de forma valorada. As solicitudes serán valoradas por unha comisión técnica formada por persoal do servizo de Medio Rural, que terán en conta a calidade técnica do proxecto presentado, e criterios obxectivos como poboación afectada, número de núcleos nos que se intervén e superficie afectada.
Oliver Laxe, imaxe do programa
O programa de axudas conta co alento de Oliver Laxe, quen se amosou moi ilusionado coa decisión de bautizalo con ese nome. O cineasta, que se estableceu na parroquia de Vilela (Navia de Suarna) para traballar en proxectos vinculados ao desenvolvemento rural, entende que se trata «dunha iniciativa moi interesante para o fomento do desenvolvemento económico e social da provincia e acadar unha fixación real de poboación no noso rural».
O cineasta considera que «son moi necesarias medidas que incentiven o mantemento de superficie agraria útil e a recuperación de zonas de monte abandonadas ou improdutivas, e que motiven á xente moza a ser valentes e emprender novos proxectos modernos e innovadores coa gran potencialidade produtiva que contamos no noso país».