O Entroido tradicional entra na Rede Museística

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LUGO

O Oso de Salcedo cun xove peliqueiro chantadino.
O Oso de Salcedo cun xove peliqueiro chantadino. alberto lópez< / span>

A Deputación organizará durante o período festivo un ciclo de actividades sobre os carnavais etnográficos lucenses

02 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Os carnavais tradicionais da provincia -con especial atención aos da zona sur- protagonizan un ciclo de actividades que se desenvolverá a partir de hoxe en todos os centros da Rede Museística da Deputación. Boa parte da información que serve de base para esta iniciativa foi recopilada por investigadoras becadas polo organismo provincial a petición da asociación LugoPatrimonio e outros colectivos culturais que se dedican á conservación destes festexos populares.

Por unha parte, os catro museos da rede -o Provincial de Lugo, o Pazo de Tor de Monforte, o Museo de San Paio de Narla en Friol e o Museo do Mar de Cervo- acollerán de forma continua durante todo o período festivo unha serie de proxeccións audivisuais sobre o Entroido Ribeirao de Chantada, a festa do Oso de Salcedo (A Pobra do Brollón) e as tradicións carnavalescas da Terra Chá. Nos catro centros museísticos, por outro lado, exhibirase entre os días 7 e 17 a exposición O Entroido en imaxes, que recolle fotografías de todos estes festexos realizadas por José Manuel Blanco Prado.

O programa comprende ademais unha conferencia divulgativa titulada «¿Que celebramos no Entroido? Algúns entroidos singulares da provincia de Lugo», que será ofrecida en diferentes datas nos catro museos pola investigadora Carme Pernas. O ciclo complementarase cuns obradoiros de realización de máscaras de Entroido que se impartirán durante esta fin de semana.

Material audiovisual

Os vídeos documentais que se proxectarán nestas xornadas foron realizados polas investigadoras Carme Pernas e Rosa Brañas. O material fotográfico sobre estes festexos que se utilizou para as montaxes audiovisuais procede de varias coleccións particulares, dos arquivos da área de Cultura da Deputación e do Instituto de Estudos Chairegos.