A provincia clandestina

LUGO

06 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A lá polos anos corenta do século XIX, pouco despois de decidirse a nova división territorial que aínda segue vixente, o Concello de Mondoñedo acordou solicitar a creación dunha nova provincia. Pasara máis ou menos unha década dende que perdera, con Betanzos e Tui, a capitalidade, e planteábase a creación dun territorio que iría do Ortegal ao Navia con capital en Mondoñedo, que xa daquela comezaba a soñar en pasado como posible garantía de futuro.

Moitos pensarán que a solicitude valeu para pouco, vendo que o mapa provincial segue a ser o mesmo que se estableceu hai 170 anos. Porén, a idea de crear unha provincia con capital en Mondoñedo está moito máis presente do que podería parecerse, como unha idea que se cadra nunca se dá concretado pero que se mantén viva no pensamento e na vontade de moitos.

Poño ademais un exemplo para reflectir ademais que a idea non é extravagante nin minoritaria senón que se pode atopar en lugares e persoas merecentes de interese. A semana pasada, durante un debate no Parlamento, un deputado do grupo maioritario referiuse ás «provincias do interior» nun momento da súa intervención.

Haberá quen pense que foi un erro, unha falta de coñecemento do país ao que representa ou unha mostra máis dos tópicos que impiden darlle á Mariña o protagonismo e a atención que lle corresponden pola súa poboación ou pola súa actividade económica. Se cadra, mesmo algún preguntará se hai bateas na Cañiza ou barcos do Gran Sol en Arzúa.

Algúns, polo contrario, sabemos que o mundo dos soños se move noutros ámbitos, e cando oímos expresións como a dese deputado, sabemos que algunhas ideas resisten o paso do tempo.