DESDE EL ADARVE
17 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.TRES mortos en accidentes de tráfico en oito días, como ocorreu en Vilalba entre o penúltimo e o último venres, son tres traxedias, tres vidas cortadas que deixan por moito tempo a dura pegada da dor. Tres mortos en accidentes de tráfico son tres cifras máis nunha estatística que non dá parado de medrar. Tres mortos en accidentes de tráfico son tres mil razóns para que un se decate unha vez máis da estreita liña que separa a vida da morte. Lembrar a nosa responsabilidade como condutores non é ningunha obviedade; ignorar que as nosas estradas, polo clima e polo número de vehículos, requiren coidados constantes non é unha frase superflua senón unha lembranza do deber das administracións, e sentir unha mistura de dor e de tristeza ao pasar de novo por lugares onde xente coma nós perdeu a vida é unha constatación de que os outros non nos son indiferentes.