Pablo Yáñez, enxeñeiro técnico forestal: «No sur lucense hai agora dúas agrupacións forestais de xestión conxunta e debería haber máis»
FOLGOSO DO COUREL
Yáñez participará no concello de Folgoso do Courel nunha xornada informativa sobre a constitución destas entidades
05 mar 2026 . Actualizado a las 19:34 h.O próximo sábado celebraranse no municipio de Folgoso do Courel dúas reunións informativas sobre as agrupacións forestais de xestión conxunta, unha figura contemplada na Lei de Montes de Galicia. As charlas correrán a cargo do axente medioambiental Felipe Castro López e do enxeñeiro técnico forestal Pablo Yáñez Fernández ( Monforte, 1986), responsable da empresa de silvicultura e medio ambiente Madersilva, que iniciou a súa actividade a principios do ano pasado. O primeiro destes encontros será ás 17.00 horas no salón de actos da casa consistorial de Folgoso e o segundo, ás 19.00 horas na Estación Científica do Courel, en Seoane.
—Cal é o obxectivo destes encontros?
—Trátase de informar aos veciños sobre os trámites que hai que levar a cabo para formar unha agrupación forestal de xestión conxunta, sobre os beneficios que se poden obter con ela e sobre as axudas que concede a Consellería de Medio Rural para a súa creación. No municipio de Folgoso do Courel hai xente interesada en constituír unha entidade deste tipo e aproveitar os soutos para a produción de castañas. Estas persoas manifestaron esa inquedanza a Felipe Castro e as reunións teñen a finalidade de explicarlles os pasos que hai que seguir. Os encontros servirán tamén para coñecer de primeira man cales son as principais necesidades dos veciños neste sentido.
—Que vantaxes poden obter os participantes neste caso?
—Ademais de xestionar mellor os soutos, unha agrupación deste tipo ten máis oportunidades de conseguir axudas públicas para desenvolver os seus proxectos e de buscar canles de comercialización. O concello de Folgoso do Courel ten un potencial forestal moi importante que foi descendendo nos últimos anos e os soutos víronse moi afectados polos ataques da avespa do castiñeiro. Pero hai un interese en aproveitar mellor este potencial e penso que unha agrupación forestal de xestión conxunta pode ser moi importante para conseguir ese obxectivo. Neste proxecto participan veciños de todas as parroquias do municipio.
—Para que poden servir as axudas da Consellería de Medio Rural?
—Esas axudas poden cubrir os gastos da constitución da agrupación, os estudos de propiedade catastral, o funcionamento organizativo.... Hai varias fórmulas posibles para constituír unha destas agrupacións forestais e a que creo que encaixa mellor neste caso sería a dunha organización sen ánimo de lucro.
—Cantas agrupacións deste tipo hai actualmente no sur da provincia?
—No municipio do Incio está a que constituíron os veciños da parroquia de San Pedro, que leva cerca de dous anos en funcionamento e ten tamén o obxectivo de recuperar os soutos tradicionais. Esta agrupación incrementou recentemente a súa superficie, que agora é de 56 hectáreas. Por outro lado, o ano pasado estiven traballando coa asociación de Catro Cabaleiros, no municipio da Pobra do Brollón, na que participan cinco comunidades de montes. Xa está funcionando como asociación e agora está pendente de ser recoñecida por Medio Rural como agrupación forestal de xestión conxunta. Terá unha superficie de arredor de 2.500 hectáreas, polo que será a de maior extensión de toda Galicia. Non teño constancia de que haxa máis de momento, aparte da que pretenden constituír no municipio de Folgoso do Courel.
—Sería conveniente que se formasen máis entidades desta clase no territorio?
—Entendo que si, que debería haber máis, porque supoñen unha oportunidade importante para aproveitar terreos que agora teñen pouco ou ningún uso. Hai moitas terras en desuso que poden aproveitarse para producir froitos ou madeira. É unha figura aínda recente, pero cada vez hai máis información sobre ela e creo que haberá cada vez máis xente interesada en constituír estas agrupacións. Ademais, a administración pública está poñendo moito interese en potenciar esta figura e agora están ofrecendo todas as axudas e todas as facilidades para formalas.