Antonio Fernández Jonte tiña 79 años e sendo xa septuaxenario fíxose escultor
16 oct 2024 . Actualizado a las 18:49 h.O chantadino Antonio Fernández Jonte morreu en Chantada este martes, 14 de outubro. Tiña 79 anos e era popularmente coñecido como Antonio da Costaña, polo nome da rúa que vivía e na que a súa nai tivera unha tenda. Soldador de oficio, aprendeu de xubilado a traballar a madeira e xa pasados os 70 anos fíxose tallista.
Un peregrino, un vendimador, unha santa e unha rapaza sentada foron as primeiras catro esculturas que saíron do pequeño obradoiro que montou na súa casa. Se o día amencía con bo tempo, os peregrinos que pasaban por alí, porque a Costaña está ao paso do Camiño de Inverno a Santiago, tiñan a sorte de velo traballar na rúa. E cando o tempo acompañaba menos, o traballo facíao no baixo da súa vivenda, no mesmo local no que a súa nai Ermitas rexentou un comercio durante moitos anos.
Pero o oficio do que viviu Antonio durante a súa vida laboral foi o de soldador. Unha das etapas que mellores recordos lle traía foi a da construcción a finais dos anos 70 da ponte de Rande sobre a ría de Vigo. E non precisamente porque fose un traballo sinxelo nin descansado.
Cando os prazos para rematar a ponte apremiaban, había que dobrar ou triplicar turnos e el contaba con humor que nunha desas ocasións chegou a completar unha xornada laboral diaria de 25 horas. «Cando por motivos de présa na obra urxía acabar tramos -dixo nunha entrevista publicada por este diario no 2021-, era necesario traballar na hora de comer, pero esa hora conta o dobre, así que se traballas 24 horas coa de comer...».
Antonio Fernández Jonte deixa dous irmáns e seis sobriños. O seu corpo está sendo velado no tanatorio Calvo, de Chantada. O seu funeral celebrarase este xoves, 17 de outubro, ás catro e media tarde na igrexa de Chantada. Despois da misa será soterrado no cemiterio parroquial de Chantada.