Facerse escultor aos 76 anos

Rodrigo Fernández
Roi Fernández CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Antonio da Costaña traballa a madeira no baixo da súa casa, pero cando vai bon tempo tamén é posible velo na rúa. Na foto, aparece el con tres das súas primeiras esculturas
Antonio da Costaña traballa a madeira no baixo da súa casa, pero cando vai bon tempo tamén é posible velo na rúa. Na foto, aparece el con tres das súas primeiras esculturas ROI FERNÁNDEZ

Un chantadino que foi soldador na ponte de Rande reconvértese en artista 

26 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os peregrinos xa non son ningunha rareza en Chantada. Antonio Fernández Jonte veos pasar clon frecuencia, así que non é raro que na súa tardía estrea como tallista optase por reproducir un camiñante cara Santiago. Un peregrino, un vendimador, unha santa e unha rapaza sentada son as súas primeiras obras deste home, antigo soldador, que aos seus 76 anos acaba de converterse en escultor.

Este entrado en anos pero novo artista de Chantada traballa a madeira no baixo da súa casa no número 26 da rúa da Costaña, no que en tempos foi a tenda da Ermitas, a súa nai. Algunhas veces, se o tempo é bon, tamén é posible ver como esculpe fóra, en plena rúa.

O seu vendimador, un home con boina que carreta unha pesada caixa de uvas, está adicado á Ribeira Sacra. A rapaza sentada e a santiña non teñen modelo coñecido. E a que máis destaca das catro, a do peregrino, está inspirado nos que ve pasar cada vez con máis frecuencia por Chantada seguindo a senda do Camiño de Inverno. Antonio ten en proxecto facer outra talla dun peregrino, pero xa ten decidido que esta vez ha de ser unha muller, e non un home. «Para que non digan que son machista», recalca.

A madeira que usou ata agora Antonio da Costaña, como é coñecido en Chantada, é de castiñeiro, pero xa está pensando en probar con nogueira.

Soldador en Rande

Os que o coñecen non se sorprenden deste arranque creativo, porque Antonio sempre foi moi traballador. Vive só e conta coma se fose hoxe os anos que botou traballando de soldador na ponte de Rande.

E sobre aquela época insístelle a quen o queira oír que una vez foi quen incluso de traballar 25 horas nun día. «Cando por motivos de présa na obra urxía acabar tramos, era necesario traballar na hora de comer, pero esa hora conta o dobre, así que se traballas 24 horas coa de comer...».