Un percorrido polas rúas de Monforte da man de coñecidos científicos

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

A ruta trazada polos alumnos coa axuda de Google Maps pode verse no blog da biblioteca do centro
A ruta trazada polos alumnos coa axuda de Google Maps pode verse no blog da biblioteca do centro CEDIDA

Alumnos do Colexio Novo trazaron unha ruta urbana como recurso para a aprendizaxe das ciencias

29 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Utilizar un percorrido polas rúas de Monforte como un recurso para apoiar a aprendizaxe das ciencias é o obxectivo do «Rueiro científico», unha ruta trazada por un grupo de alumnos do Colexio Novo dentro das actividades que se realizaron no centro para celebrar o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, impulsada pola Consellería de Educación. A ruta enlaza oito rúas da cidade que levan nomes de personaxes relacionados coas ciencias e pode ser percorrida en 57 minutos a paso normal.

Dous dos científicos que figuran no rueiro son naturais de Monforte. Un deles é o químico e farmacéutico Antonio Casares, considerado como a maior figura científica da Galicia do século XIX. O outro é o médico, cirurxián e investigador José Goyanes, que foi unha autoridade internacional en cirurxía vascular e axudou a desenvolver un sistema para operar os aneurismas arteriais. Tamén tivo unha relación estreita co municipio o médico e filántropo Juan López Suárez -ou Xan de Forcados-, que traballou durante un tempo como investigador en bioquímica e contribuíu á creación de institucións científicas como a Misión Biolóxica de Galicia. Tamén está presente no rueiro monfortino outro dos promotores desta mesma entidade fundada en 1921, o veterinario Juan Rof Codina.

Outros científicos cuxos nomes forman parte da ruta son os premios Nobel de medicina Santiago Ramón y Cajal e Severo Ochoa. No percorrido figura así mesmo José Echegaray, premio Nobel de literatura e tamén un destacado científico que realizou importantes contribucións nos campos da física e das matermáticas. O único científico estranxeiro que aparece no rueiro municipal é o escocés Alexander Fleming, descubridor da penicilina e premio Nobel de medicina. Por agora non hai ningunha rúa monfortina dedicada a unha científica, en consonancia coa escaseza xeral de nomes femininos no rueiro local, que non chegan a unha decena.

Un mes no que os alumnos puideron realizar numerosos experimentos na biblioteca escolar

O «Rueiro científico» foi preparado por un grupo de 24 alumnos de sexto curso de primaria do Colexio Novo, que tamén estudaron as biografías e as contribucións realizadas polos diferentes personaxes vinculados ao mundo das ciencias que dan nome ás rúas da cidade. O traballo comprendeu a elaboración dun plano da ruta realizado co apoio do servidor de aplicacións Google Maps que foi publicado onte no blog da biblioteca do centro educativo, onde se desenvolveron todas as actividades de divulgación científica realizadas ao longo deste mes.

Estas actividades leváronse a cabo todos os xoves e contaron coa participación da totalidade dos alumnado do colexio. Segundo explican os responsables do centro, o programa comprendeu numerosos experimentos, algúns dos cales puideron ser realizados nas vivendas dos propios estudantes coa axuda das súas familias.

Durante estas xornadas, os rapaces tiveron ocasión de aprender como se fabrican e como funcionan os reloxos de auga, como se poden inflar globos usando reaccións químicas ou como se comportan os chamados fluídos non newtonianos, entre outras experiencias. Todas as actividades realizadas na biblioteca escolar foron gravadas en vídeo e difundidas en Internet.