«Esta fin de semana ofrecemos un espectáculo de nivel»

LEMOS

ROI FERNANDEZ

O presidente da Escudaría Chantada, Alfonso Viana, ultima os detalles da edición número 45 da Subida a Chantada, que se celebra esta fin de semana. O responsable da entidade destaca a gran animación que hai para presenciar unha proba, que volve puntuar para o campionato de España de montaña.

-¿Que ambiente se respira en Chantada?

-Respírase un gran ambiente. De feito, xa chegaron a vila a maioría dos pilotos corren no campionato de España. Hoxe comezaremos a marcar o circuíto para que todo estea listo para mañá.

-¿Que significa que a proba puntúe de novo para o campionato de España?

-Supón un impulso económico importante, e non só para Chantada, senón para o resto da Ribeira Sacra. As prazas hoteleiras están todas ocupadas, e iso son ingresos para o sector. Hai moitos turistas e moitos afeccionados ao motor que chegan de toda España. No apartado deportivo supón brindar un espectáculo de nivel ao público. Aquí estarán esta fin de semana pilotos que non virían se non estivese dentro do campionato de España.

-¿Cales son os seus prognósticos?

-En barquetas veremos un enfrontamento espectacular entre Joseba Iraola, que lidera a clasificación xeral, e Javi Villa, que ostenta o título de camión. En turismos temos a Fombona e a Yeray. Tamén quero destacar a presenza de Pantxo Egozkue, que na década dos oitenta gañou a Subida a Chantada, o que o proclamou campión de España.

-¿Haberá moitos pilotos locais?

-Bastantes. Estamos moi ledos coa boa resposta que tivemos dos nosos pilotos.

-¿Terá que pagar o público?

-Pedimos unha aportación de tres euros, e penso que non é tanto, porque ofrecemos un espectáculo de alto nivel. Se a xente colabora no fútbol, non entendo as razóns polas que non o vai facer no automobilismo. Este ano haberá un autobús que desprazará ao público dende o lugar no que cortamos o tráfico ata a curva dos Cipreses.

-¿Cal é o orzamento da proba?

-O orzamento é de 45.000 euros.

-¿Portáronse ben as administracións?

-Non temos queixa.

-¿Que mensaxe lle traslada aos afeccionados?

-Que sexan responsables e se ubiquen nas zonas indicadas. A seguridade é do público é fundamental.