Xosé Estévez, historiador quirogués: «Galeuzca aínda poderá ser o proxecto que quería Castelao»
LEMOS
No segundo congreso de historiadores Galeuzca, celebrado este mes en Bilbao, Xosé Estévez defendeu novas investigacións sobre as relacións de Galicia, País Vasco e Cataluña, asunto ao que dedicou varios libros e no que é autoridade. Como todos os veráns, este docente da Universidade de Deusto visita Compostela e a súa nativa Quiroga.
-¿Ten aínda segredos este tema, tras tantos anos de estudo?
-Continúo as investigacións e aínda recentemente deparei cun novo proxecto que descoñecía, da década de 1950, o Galeuzcavaba, que acrecentaba a esas tres nacionalidades históricas as de Valencia e Baleares, aínda que partindo dese proxecto.
-Un proxecto de case oito décadas desde a reunión de Compostela, ¿non é?
-O primeiro Galeuzca, coñecido como A Tripla Alianza, foi asinado en Barcelona o 11 de setembro de 1923. Fracasou polo golpe de Estado que deu dous días máis tarde Primo de Rivera. Houbo catro intentos posteriores, sen viabilidade; e en agosto de 1930 o Pacto de San Sebastián dá orixe á República. O nome de Galeuzca aparece por vez primeira en maio de 1933; e o pacto foi asinado en Compostela o 25 de xullo dese ano durante unha viaxe de nacionalistas vascos, galegos e cataláns polos tres territorios.
-¿Como era ese pacto?
-Era máis ben administrativo e cultural. Despois, en agosto, en Cataluña, foi acrecentado con compromisos, secretos, para actuar no Parlamento e traballar por unha república federal. En setembro dese ano Galicia ingresou na Sociedade de Nacións, antecedente da ONU. Ese Galeuzca volveu fracasar. Foi revitalizado após as eleccións de febreiro de 1936, con gran dinamismo uns meses, até a Guerra. Nese tempo houbo unha solidariedade efectiva, até o exilio posterior, onde o gran abandeirado do Galeuzca foi Castelao, que defendía ese proxecto na procura dunha maior democratización de España desde 1933 e impulsou iniciativas na década de 1940. Despois seguiron outras, a máis importante a Declaración de Barcelona de 1998.
-¿Que resta hoxe?
-É un antecedente histórico a ter en conta. Quizá dentro duns anos Galeuzca aínda poderá ser o proxecto que quería Castelao.