O goberno local do Courel decidiu asinar un convenio coa empresa Colabora que permitirá recuperar no municipio o acceso á banda larga de Internet mediante o uso da rede wimax. Este servizo, posto en marcha polo anterior goberno autonómico, quedou recentemente inactivo a causa dunha avaría e a firma que o subministra, para restablecelo, puxo como condición a sinatura dun acordo co Concello.
A partir de agora, os usuarios deberán pagar unha cota por este servizo, que foi gratuíto durante a fase de implantación. Segundo explicou a alcaldesa, Lola Castro, «cada usuario terá que pagar en función dos megas que consuma e os prezos serán aproximadamente de 25 euros por un mega e 39 euros por dous megas». A banda larga, por outro lado, só será accesible nas zonas do municipio que xa contaban anteriormente con ela. A cobertura límitase ás localidades de Folgoso, Seoane, Meiraos, Vilamor e Eiriz.
Os responsables municipais descoñecen aínda a data en que se restablecerá o servizo, pero supoñen que será pouco despois de que se formalice o convenio, que está previsto asinar a principios da semana próxima. «Pode ser que algún veciño que tiñan este servizo decida darse de baixa polo feito de que agora haxa que pagar por el, pero non podemos facer outra cousa», sinala a alcaldesa, quen confía en que a Xunta non tarde en poñer en marcha un sistema que permita estender a cobertura de banda larga ao resto do territorio municipal.
Melloras na TDT
Por outra parte, o goberno local anunciou que en breve prazo se instalarán no municipio un repetidor e cinco reemisores que permitirán mellorar as deficiencias na recepción do sinal da televisión dixital terrestre que se rexistran actualmente neste territorio. O novo repetidor -unha antena de trinta metros de altura- está sendo instalado nas cercanías de Mercurín. Os reemisores colocaranse en Vilamor, Sobredo, Froxán, Castro Portela e Teixeira.
Unha vez realizadas estas obras, as zonas de Visuña, Ferramulín, Seceda e Carballal serán as únicas que queden fóra da cobertura da TDT, segundo as previsións dos responsables municipais. «Intentaremos buscar tamén unha solución para que chegue a TDT a esas zonas e se non hai outro remedio haberá que recorrer a antenas parabólicas», di a alcaldesa. «Confiamos en que as zonas de Romeor e Millares queden cubertas por unha antena que van instalar en Pedrafita do Cebreiro e que entrará en servizo dentro de pouco», agrega por outro lado.