Franco regresa a Tor

LEMOS

O pazo monfortino acolle esta fin de semana unha serie de actos do promoción do filme «O labirinto ario»

23 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O pazo monfortino de Tor será escenario durante esta fin de semana dunha serie de actos de promoción do filme O labirinto ario , dirixido polo chantadino Alfredo Pardo, que opta como candidata aos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. A curtametraxe, subvencionada pola área de Cultura da Deputación, foi rodada en grande parte no pazo, onde se estreou en maio do pasado ano. Os actos son organizados pola Rede Museística Provincial, que quere aproveitar a ocasión para promover o pazo como punto de atracción turística e cultural.

As actividades comenzan hoxe pola mañá con dúas visitas guiadas -ás 12 e 13 horas- nas que se falará sobre as rodaxes cinematográficas levadas a cabo neste edificio baixo o lema Un pazo de película . Os visitantes recibirán material informativo sobre O labirinto ario e as outras películas rodadas en Tor en diferentes épocas: Beatriz , dirixida por Gonzalo Suárez en 1976, e El rey del río , realizada por Manuel Gutiérrez Aragón en 1995.

Xa pola tarde, a partir das 17.30 horas, celebraranse no pazo diversos actos que se prolongarán ata a noite. En primeiro lugar ofrecerase unha presentación audiovisual sobre a historia do pazo. Seguidamente proxectarse un documental sobre a produción audiovisual galega. Ás seis comezará un recital poético e musical que se desenvolverá en diferentes estancias do pazo, no que participarán os escritores Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade Paredes e Cristina Corral, o músico Xavier Prado e o escultor e contacontos Paco Pestana.

Proxeccións

Máis tarde, ás oito, proxectarase novamente O labirinto ario , unha singular historia que fai coincidir no pazo monfortino a conspiradores nazis, extraterrestres e o propio ditador Francisco Franco. Despois da proxección haberá unha degustaciñon de produtos tradicionais galegos e de viños da denominación Ribeira Sacra.

O programa continuará mañá con catro novas visitas guiadas ao pazo nas que tamén poderá visionarse o filme e que se levarán a cabo ás 12, 13, 17 e 18 horas.