Crónica | O río Sarria (I) Un condado, unha vila, un marquesado, unha xurisdicción, un concello, dous mosteiros, varias parroquias e un partido xudicial levan esta denominación
16 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O río Sarria, que deu o seu nome a unha terra, a un condado, a unha vila, a un marquesado, a unha xurisdicción, a un Concello, a unha comarca, a dous mosteiros, a varias parroquias e a un partido xudicial, é un afluente do Neira, río este que verte as súas augas no Miño. Atravesa a terra de Sarria pola súa parte central. Este río, segundo a clásica descrición de Madoz, nace de varios regueiros e vertentes dos montes da Meda, da Albela e Serra do Oribio, que reunidos pasan polo norte de San Cristovo do Real, Santiago de Renche e San Martiño do Real, continuando o seu curso polo sur de Samos e de leste a oeste ata o término de Castroncán; desde aquí cambian ao norte e circundando Lier, Frollais e Fafián, diríxense ao norte buscando a ponte de Sarria, por entre Forbán e Fontao, e deixando á esquerda a capital do partido marchan rodeando Santiago da Veiga e seguen ao norleste ata San Pedro de Ronfe, parroquia que deixan á dereita; finalmente o Sarria pasando por entre Vilafiz e Viance, vai unirse ao Neira, despois de pasar a ponte de San Xiao da Póboa, freguesía que queda á dereita. No seu curso agréganselle varios regueiros e ríos, mais o único notable é o Celeiro, que baixando de Froián e A Chanca pasa ao oeste de Sarrria e entra no Sarria un pouco máis abaixo da ponte de Vilar de Sarria, no término de San Martiño de Requeixo. Beira do río Sarria están es capitalidades dos concellos de Triacastela, Samos, Sarria e Láncara, dándolle así o carácter de elemento definidor e vertebrador da comarca. As parroquias que en todo ou en parte verten augas ao río Sarria son: Triacastela : Toldaos, Alfoz, Monte, A Balsa, Lamas, Cancelo, Vilabella e Triacastela. Samos: San Cristovo do real, Renche, San Martiño do Real, Freixo, Lóuzara (Lampazas), Samos, Carballo, Montán, Zoo, Lousada, Romelle, Loureiro, Pascais, Couto, Castroncán, Formigueiros, Soñide, Teivilide, Reiriz, Estraxiz e Frolláis. O Incio: San Salvador do Mao (Piornedo), Pacios de Loureiro e A Cervela (Penaxubeira). Sarria: Calvor, Lier, Castelo dos Infantes, Camiño, Loureiro, San Vicenzo de Froián, Santa María da Pena, San Salvador da Pena, San Pedro de Froián, San Estevo do Mato, San Sadorniño de Froián, A Chanca, Chorente, Piñeira, Barbadelo, Meixente, Belante, Maside, Requeixo, Fafián, Cesar, Reimóndez, Farbán, Fontao, Sarria, Vilar de Sarria, Betote, Frades, Goián, San Miguel de Vilapedre, San Fiz de Vilapedre, Vilar, Lousadela, San Salvador do Mato, San Xulián da Veiga, Santiago da Veiga, Rubín, Corvelle, Ferreiros, San Antoniño, Seteventos, Camiño e Louseiro. Láncara: Monseiro, Toldaos, Vilouzán, Río, Larín, Oleiros, Vilambrán, Ronfe e A Póboa de San Xiao. O Páramo: Vilafiz e Moscán. Agás Paradela, os demais concellos da comarca, en maior ou menor medida, achegan augas a esta bacía. Curso alto. A bacía alta do río está sustancialmente formada polas terras de Triacastela. Son estas como un circo arrodeado polas serras do Oribio e da Albela e polo Monte da Meda (o Mons Serius medieval). Non se pode falar dunha fonte do río, senón que son varias as súas fontes, situadas no Concello de Triacastela, que reunindo as súas augas en pequenos regueiros, baixan dende os montes da Albela, A Meda e O Oribio, a facer río caudal xa un bon treito antes de Pena Partida. En realidade a maior superficie de portación de augas corresponde ás abas do Monte da Meda. Tres son os cauces que recollen augas nas vertentes da Meda, da Albela e no monte Oribio (o alpe Eripio medieval). O regueiro de Santalla recolle as que baixan polos de Vilabella, Bezcas, Ríos e Longo, parroquias de Monte, Alfoz, Toldaos, Cancelo, Vilabella e Lamas. O ramal principal, que ten manantío na Poza da Lagoa, perto do Furco, leva primeiramente o nome de Rego de Ríos, e recibe, pola dereita en Toldaos, as augas do arroio que baixa dende o Furco. Pouco antes e pola esquerda, recolle as dun regalocho que ven dende o monte Xarín. Augas abaixo danlle o nome de río de Santalla, e un pouco máis abaixo da igrexa de Alfoz, recolle pola dereita as augas de río Longo, que dende a Porcela e o Pico colle as vertentes da parroquia do Monte. Pola esquerda achega as do Regueiro de Bezcas, que veñen dende a Lagoa de Reboliños, collendo as das abas de Albela, e as do arroio de Vilavella, que baixan da Pena Furada.