O Partido Xudicial de Sarria

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | A xurisdicións da Comarca entre 1820 e 1830 Poucos eran os cometidos da recén nada administración municipal. Non había casa do Concello e o cárcere era unha casa vella propiedade dos condes de Lemos

18 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Dentro do que actualmente consideramos Comarca de Sarria houbo ata 1820 moitas grandes e pequenas xurisdicións, que tiñan xuíz propio, máis ou menos preparado, e que estaban sometidas a mosteiros, á Mitra lucense, a nobles e fidalgos, de quen era a xurisdición civil. Un Meiriño Maior, Xustiza Maior ou Correxidor na Pobra de Sarria, e outros catro Meiriños menores, na Pobra de Adai, en Santo Estevo da Pobra de Neira de Susao, en San Xulián da Pobra e na Pobra de Triacastela, completaban a organización xerárquica e gubernativa local característica daquela época. Desta complexidade dá razón a existencia das seguintes xuriscicións: Adai.- Castelo dos Infantes.- Castro de Rei de Lemos.- Cedrón.- Cesar.- Goián.- O Incio e A Broza.- Láncara.- Laiosa.- Neixente.- Neira de Xusá.- Paradela.- Pinza.- A Pobra de San Xulián.- San Xoán de Portomarín.- San Pedro de Portomarín.- Rendar e Sirgueiros.- Ronfe e Vilambrén.- Samos.- Sarria.- Saviñao.- A Somoza Maior de Lemos.- A Somoza de Vilouzán.- Taboada.- Triacastela.- Vilaesteva de Herdeiros.- Vilapedre.- Vilar de Vilapedre.- Viville... En 1820 a provincia única de Galicia foi dividida en partidos xudiciais, e dentro dos partidos creáronse os Concello Constitucionais, presididos por un alcalde e unha corporación de electos, asesorados por un Secretario: En Galicia, nin máis nin menos, nacía a organización municipal. Obriga tutelar O Concello de Sarria, como cabeza de Partido, tiña a obriga tutelar de coidar dos concellos sufragáneos. Trece eran os concellos que formaban o Partido de Sarria: Sarria, Somoza de Vilouzán, Guntín (de Lemos), Paradela, Vilapedre, Pinza e Biville, O Incio, Lóuzara, Reboiro, Castro de Rei (de Lemos), Láncara, Somoza Maior (de Lemos) e Samos. Perdeu así a comarca de Sarria terras ó Norte e a Leste e gañounas a Sur e Oeste. Para coñecer o que eran as novas obrigas municipais vexamos como a Circular nº 4, de data 13 de outubro de 1822, da Deputación Provincial de Lugo, e da súa Sección de Goberno Político, establece un regulamento de gastos, para esixir dos pobos tanto os gastos comúns da provincia na que están comprendidos como os gastos da Deputación e os comúns do partido. -Dotación do Secretario-Arquiveiro, a quen ademais habería que dar 600 reais dos fondos comúns da provincia: 1.600 rs. -Mestre de las Letras aprobado pola Deputación: 2.200 rs. -Porteiro: 548 rs. -Escritorio e correo: 600 reales. -Tres funcións de igrexa: 300 rs. -Composición da Casa do Concello: 1.200 rs. -Total: 6.448 rs. Para rúas e pontes debería formarse presuposto e sinalar os arbitrios con que se han cubrir. Poucos eran os cometidos da recén nada administración municipal sarriá. Non había Casa do Concello (utilizaban o edificio do Hospital de Santo Antón), a Casa da Escola de Gramática e Casa dos Mestres tamén eran do Hospital, o Cárcere era unha casa vella propiedade dos Condes de Lemos (sita na praza), e só o arranxo das rúas e das catro pontes (Ribeira, Vella, Mazadoiro e Áspera) consumía os escasos fondos de que dispoñía o Concello. E desa carencia fala o feito de que para poder atender ó pagamento do soldo do mestre de primeiras letras acordouse poñerlle un recargo ó consumo do viño. Réxime municipal Sobre a implantación do réxime municipal, primeira grande modernización da España do século XIX, que tardou moitos anos en se consolidar porque os elementos retrógrados e oscurantistas botaron abaixo o labor dos liberais do 1820/1823, será editado un traballo do que son autor, que permite ir seguindo o desenvolvemento desa organización, na nova provincia de Lugo, e poder ver como as máis de trinta obsoletas xurisdicións do Antigo Réxime se reduciron primeiro a trece concellos (1820/1823), e despois de diversas alteracións e modificacións o Partido Xudicial de Sarria quedou definitivamente formado polos concellos de Sarria, Samos, Láncara, O Páramo, Paradela e Rendar.