Dúas ribeiras sacras

LEMOS

A TRIBUNA | O |

19 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

OS XORNAIS debuxan nestes días dous perfís da Ribeira Sacra: un virtual, que da pé a grandes titulares; e outro máis palpable, aínda que moitas veces anda pola letra miúda. Imos por partes. A Ribeira Sacra ven de ser incluída nos itinerarios culturais europeos e xa hai quen pensa na declaración de Patrimonio da Humanidade. Mais polo de agora os xerentes de paradores de turismo pensan que non paga a pena abrir todo o ano os seus establecementos de San Vicente e San Estevo. Algo falla neste país cando o patrimonio que merece o recoñecemento do Consello de Europa non ten creto en Paradores. Polo de agora, o único tanxible por estes pagos parece ser o sector vitivinícola, por moito que os seus éxitos pasen desapercibidos entre anuncios de tantos estalos. Mentres no Consello de Europa deliberaban sobre a declaración da Ribeira Sacra como itinerario de interese, trascendía que Adegas Moure é una das quince empresas de maior rendibilidade da provincia. Ten a súa sede no Saviñao, perto do embalse de Belesar. Non moi lonxe, traballa unha queixería que poderá abastecer a unha gran superficie cando lle dean suministro eléctrico.