Unha futura bióloga mariña con premio

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

A gañadora recibe o premio no acto que se celebrou o domingo 20 de novembro
A gañadora recibe o premio no acto que se celebrou o domingo 20 de novembro xxx

A estudante de ESO María Pereira Iglesias gañou o I Concurso ¿Queres ser Científic@?

23 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha futura bióloga mariña con premio

María Pereira Iglesias , alumna de 3.º de ESO do colexio Carmelitas de Ourense, recolleu o pasado domingo o premio do I Concurso ¿Queres ser Científic@?, convocado polo programa Prensa-Escuela de La Voz de Galicia en colaboración co Inibic. O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) acolleu o acto de entrega deste certame desenvolvido no marco do proxecto Científicas con Biomedicina, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), do Ministerio de Economía y Competitividad (Mineco), co obxectivo de espertar vocacións científicas e fomentar o talento xornalístico e creativo dos escolares.

O xurado acordou premiar o seu traballo, Quero ser científica: bióloga mariña, «por transmitir nun minuto de forma clara e creativa a súa decidida vocación científica e a súa clara capacidade comunicadora, ambos os aspectos fundamentais para o seu futuro desenvolvemento como investigadora». O galardón recoñece a súa capacidade para «reflectir a actualidade e relevancia dun problema perentorio, como é a conservación e xestión eficiente dos recursos mariños; a determinación en seguir a profesión de bióloga mariña que se entrevé nas súas palabras e que auguran un gran futuro como investigadora científica do medio mariño». A premiada manifestou que a conservación do mar é unha prioridade para ela e que ve a carreira científica como unha opción profesional futura.

O xurado estivo formado por María José Arrojo Baliña, subdirectora da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre; Maica Simón Gómez, xornalista do Departamento de Comunicación da Corporación Voz de Galicia; Elena Fernández Burguera, investigadora do Grupo de Reumatoloxía do Inibic e Ciber-BBN; Francisco J. Blanco , director científico do Inibic, e Jaime Rodríguez, director científico do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da UDC.

Durante o acto, que se celebrou na habitual sesión VerMuncyt e que nesta ocasión estivo dedicada ao tema Científic@s nas pantallas, a coordinadora do proxecto, Joana Magalhaes, mostrou aos asistentes as diferentes visións que os medios de comunicación e a televisión transmiten das científicas e a súa influencia na percepción social das mulleres na ciencia, reivindicando unha maior visibilidade para elas.

Ademais, destacou outras actividades desenvolvidas no marco deste proxecto, como a campaña Wisibilizalas, dirixida a escolares co obxectivo de aumentar a presenza das mulleres españolas na Wikipedia e na que tamén colabora a coruñesa Ana Freire. Esta iniciativa, xunto coa estrea do programa De Maior Quero ser Científica, foi un dos eventos cos que se celebrou en España o Día de Ada Lovelace. Tamén se convocou un concurso, promovido polos creadores da película Hidden Figures, co fin de buscar nenas que liderarán o futuro da ciencia. A xornada finalizou coa proxección dos vídeos finalistas do concurso ¿Queres ser Científic@?