¡Pregunta a un científico!

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

Unha das preguntas aos científicos de Prensa-Escuela era pola orixe do mel
Unha das preguntas aos científicos de Prensa-Escuela era pola orixe do mel Santi M. Amil

Entra na web de Prensa-Escuela e fai a túa pregunta, pero comeza por ler algunha das máis interesantes e difíciles ás que tiveron que responder os nosos expertos. A partir desta actividade propomos a introdución na técnica QFT («question formulation technique») para que sexan os alumnos os que pregunten, e non o profesor.

02 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

1. Pómoscho ben claro desde o principio. ¿Por que non entras na lista de preguntóns que figuran nesta dirección?: http://www.prensaescuela.es/actividades/alumnos/pregunta-a-un-cientifico

Comeza, por exemplo, por ver a enorme lista de preguntas que se foi formando ao longo destes anos: case 2.000 preguntas, desde que o Programa Prensa-Escuela abriu o buzón.

 

2. Telo ben fácil nesta sección: escribe o teu nome, colexio e localidade, e fai a a túa pregunta; pulsa Enviar e iso é todo. Daraslles unha gran alegría aos científicos que están a esperar a dar a resposta.

 

3. Mira tamén a última pregunta do día en que escribimos isto: «¿Que pasaría se na vida non houbese electricidade?». E a difícil resposta.

 

4. E outra de sabor doce: «¿Como fan os osos para coller o mel das abellas? ¿E como se protexen das picaduras?». ¡Aí lle doe!

 

5. «¿Por que existimos?». ¡Que compromiso para o científico que se atreveu a dar resposta a esa pregunta esencial que figura na lista!, pero o fixo. ¿Que che parece?

PREMIO AOS PROFESORES

Claro que non todo é tan sinxelo e o método é máis complexo e non cabe a súa explicación na brevidade destas páxinas. Por iso estamos a elaborar un e-studio de Noticias para todos os profesores que queiran coñecer máis a fondo as bases do sistema de adestramento question formulation technique (QFT), e os puntos principais doutros programas afíns. Os profesores que desexen recibir o e-studio deberán solicitalo por correo electrónico durante este mes de novembro a churepe@telefonica.net, indicando a área de ensino e idade dos alumnos.

 A todos, grazas polas preguntas que fan chegar á sección Pregunta a un científico.

ACTIVIDADES

A1. ¿Por que non comezamos o adestramento, escollendo unha pregunta -e a súa resposta- da lista editada na sección Pregunta a un científico seguindo polo menos os principais puntos escritos na primeira páxina de hoxe?

A2. ¿Cal é o enfoque inicial do adestramento?: que entre todos os alumnos, e non o profesor, reunidos en grupos de 4, fagan preguntas sobre ese tema elixido. ¿Que vos parece?

A3. Cada pregunta ten a súa formulación propia e chega ao profesor, tal cal, respectando así a formulación que cada un fai. Iso daralle ao profesor as súas pistas.

A4. Clasificar en grupo as preguntas: de resposta pechada, que pide un dato concreto, e de resposta aberta, que abre o camiño a varias solucións.

A5. No grupo faremos unha reflexión de para que vale iso de que o profesor comeza a clase tendo en conta as vosas preguntas e dándolles resposta, polo menos durante o adestramento, no canto de que el poña sempre as preguntas e vós aprendades só as respostas. ¿Hai algunha diferenza se todo funciona ben? ¿Por que? ¿Combinamos as dúas posibilidades?