Fernando Suárez: «Os maiores teñen que percibir o valor da tecnoloxía no persoal, logo xa virá a banca electrónica»
GALICIA
O presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia cre que hai simplificar algúns servizos dixitais, pero ve dificultades na banca electrónica por culpa dos cibercrimes
22 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A revolución dixital xa está aquí e con ela toca enfrontar retos tecnolóxicos do máis diverso: conexións ultrarrápidas, dispositivos de menor tamaño ou sistemas con intelixencias case humanas. Tamén outros que semellan menos importantes e que se cadra son máis urxentes, como é o de integrar certos colectivos no uso das novas tecnoloxías. Sobre esa dificultade sabe moito Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia. Contar cos maiores e poñer o foco sobre o beneficio das ferramentas son algunhas das claves que el destaca.
—Fálase moito da fenda dixital, pero que é exactamente iso?
—Pois é a distinta posibilidade de acceso tecnolóxico. Dito doutra forma, son as dificultades que teñen distintos colectivos por razón de idade, xénero, localización ou outros factores para o manexo dunha tecnoloxía. Por exemplo, a poboación de máis idade ten máis problemas con certos servizos que a xente nova. E entre os maiores, as mulleres seguramente tiveron menos acceso a formación e menos vida laboral que os homes, polo que a capacitación é menor. Logo está o lugar, xa que no rural pode haber menos cobertura e iso tamén implica unha fenda. Pódese ver desde moitas perspectivas, non só desde a do coñecemento.
—Moitos maiores teñen dificultades para usar un ordenador ou un móbil. Cal é a solución?
—Cos maiores temos que ir paso a paso. Hai que acompañalos. Non pretendamos que todos teñan un ordenador con Zoom [programa informático de uso profesional] para facer videochamadas, pero con paciencia poden ter un móbil con WhatsApp. Ao principio ao mellor non enfocan ben ou non lles funciona o audio, pero hai que facerlles entender que cunha pequena aprendizaxe hai beneficios. Así poderíamos romper esa fenda dixital e iso permitiríalles facer máis cousas.
—Eles viven de costas á tecnoloxía ou a tecnoloxía de costas a eles?
—A industria tecnolóxica desenvolve servizos para onde hai máis demanda e a xente maior habitualmente non está niso. Co gallo do Día de Internet organizamos o Camiña en dixital. É unha iniciativa relacionada co Camiño de Santiago para favorecer a vida saudable e que os maiores vexan, por exemplo, como se usa unha pulseira de actividade. A idea é que entendan que poden usar o móbil para contar os pasos ou para facer fotos da ruta e logo compartilas. Ao final trátase de romper barreiras e de telos en conta. Isto é moi importante tamén cando se desenvolven ferramentas tecnolóxicas: non se trata só de pensar nos distintos colectivos aos que vai un servizo, senón que hai que escoitalos moi ben.
—A banca electrónica parécelles un servizo complicado e perigoso.
—Está claro que hai algúns trámites que lles temos que facilitar, pero a banca electrónica custa simplificala. Os ciberdelitos aumentan e non podemos relaxar os requisitos de seguridade, como a verificación en dous pasos. É un problema porque sería algo ao que lle poderían dar moito uso, pero hai que ter coidado cos datos bancarios. O importante é axudalos e ir pouco a pouco. Primeiro teñen que percibir o valor da tecnoloxía no ámbito persoal, logo xa virá a banca electrónica e outras ferramentas.
—Ás veces dá a impresión de que a tecnoloxía non é para todo o mundo.
—Hai que ter en conta que Internet é algo relativamente recente e que o móbil como ordenador de peto apenas ten quince anos. A sociedade necesita tempo para adaptarse aos cambios e a pandemia axilizou aínda máis a nosa dependencia tecnolóxica. Moitas videoconferencias eran impensables hai dous anos porque non tiñamos esa necesidade.
—A rapazada xa domina todo iso?
—A xente nova tamén ten carencias. A min nunca me gustou o termo de nativos dixitais porque eles non nacen sabendo, senón que nacen nunha contorna con moita tecnoloxía. O problema é que non os educamos para usala, senón que son moi autodidactas. E logo, cando se enfrontan a certos servizos como unha sede electrónica para facer algún trámite, teñen certas dificultades.
—Hai ámbitos máis dixitalizados que outros.
—No educativo houbo unha adaptación rápida motivada pola pandemia, pero foi insuficiente. Non estamos a aproveitar todas as posibilidades da tecnoloxía. Pasou o mesmo no ámbito empresarial: deberíamos impulsala non só para traballar en remoto, senón para facilitar a conciliación e flexibilizar horarios. A sanidade igual. Avanzouse moitísimo, pero estamos nun momento en que xa se pode operar en remoto usando a conexión 5G e uns robots especiais que poden suturar.
—Esa dependencia dixital irá a máis nos próximos anos, non si?
—O futuro é dixital e o ritmo de avance vai ser cada vez maior, sen dúbida. Gústame unha frase que di que non estamos nunha época de cambios, senón nun cambio de época. Cada vez temos máis dependencia dos servizos dixitais, pero hai que percibilos en positivo. Claro que hai que poñer o foco en certos colectivos porque non podemos avanzar a dúas velocidades, pero a dixitalización está aquí para quedar.