Galicia enxalza os 40 anos de autogoberno outorgando a medalla do Parlamento á Xeración Nós

GALICIA

Paco Rodríguez

Os partidos conmemoran por separado a promulgación do Estatuto, que o PSdeG quere reformar e que o BNG invita a superar

06 abr 2021 . Actualizado a las 19:53 h.

Galicia conmemora este martes, 6 de abril, o 40º aniversario da promulgación do seu Estatuto de Autonomía, unha data coa que se sincronizou o Parlamento galego para celebrar o acto de entrega das súas medallas anuais, outorgadas nesta ocasión á Xeración Nós, ese colectivo de intelectuais do que formaban parte Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Losada Diéguez, Cuevillas, Ánxel Casal, Ramón Cabanillas e tantos outros. Hai xa un século de que galeguistas inquedos se agruparon arredor dunha revista cuxa cabeceira se conxugada na primeira persoa do plural, Nós, para empezar a edificar sobre o ermo institucional a semente do futuro autogoberno.

O Estatuto de Galicia de 1936, dixo o presidente do Parlamento, Migue Santalices, «non tería sido tal sen a semente espallada por moitos, tamén a Xeración Nós». E á súa vez, o actual Estatuto de 1981, no que se consagra a Galicia como «nacionalidade histórica», é debedor daquel outro aprobado no 36, que o estoupido da Guerra Civil impediu que se puidera desenvolver.

A de Nós foi unha xeración que acolleu a persoeiros diversos, con ideas mesmo discrepantes entre si, como sinalou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, «que non exclúe a ninguén e que acoden ao pobo coa modestia necesaria para aprender». Da factoría de Nós, dos textos publicados na revista editada primeiro dende Ourense, logo dende A Coruña e na etapa última dende Compostela, saíron as «ideas motrices que seguen alimentando o autogoberno», engadiu Feijoo, e tiveron o afán e a ambición de acoller a todos os galegos nun «soño común», tarefa da que é herdeiro o propio Parlamento coa súa representación.

As medallas do Parlamento galego foron entregadas nunha cerimonia desenvolvida no propio pazo do Hórreo, acoutada aos medios de comunicación por mor da pandemia, pero na que participaron varias decenas de invitados, entre eles representantes de todas as forzas parlamentarias, así como o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.

Foron uns 200 creadores, escritores ou intelectuais os que pulularon hai un século arredor da revista Nós, así que, en representación de todos eles, o Parlamento decidiu outorgarlle as medallas ás fundacións vencelladas a persoeiros daquela época que están activas: a Fundación Otero Pedrayo, a de Losada Diéguez, a de Vicente Risco e, finalmente, a de Castelao, á que case esquecen de mencionar la cerimonia, e que levou ao seu presidente, Carlos Mella, a denunciar irónico a «pequena sabotaxe» contra á memoria do ilustre rianxeiro.

A gaiteira Susana Seivane fixo os honores interpretando coa súa banda varias pezas dende o mesmo hemiciclo, como a foliada de Quinteiro, e puxo o broche final recitando o himno galego.  

Á marxe da entrega de medallas que acolleu o pazo do Hórreo, tamén as forzas políticas celebraron actos por separado para reivindicar as catro décadas de autogoberno. O presidente da Xunta e líder do PPdeG difundiu unha mensaxe en Twitter para enxalzar os «40 anos de autogoberno, liberdade, prosperidade e pluralidade en defensa dos intereses dos galegos». Tamén reivindicou o autonomismo como «marco de presente e de futuro» para resolver os problemas reais e tender pontes.

PACO RODRÍGUEZ

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada de boa parte da súa executiva e dos deputados nacionalistas, presidiu outro acto arredor do 40º aniversario do Estatuto, que se levou a cabo no pazo de Fonseca, o que fora a segunda sede do Parlmento galego, entre 1982 e 1989. Dende os seus xardíns, Pontón convocou aos galegos «á gran tarefa de pensar e construír colectivamente» un novo país «que nos sitúe na vangarda das nacións prósperas e xustas».

A diferencia do PSdeG, o Bloque non propugna unha reforma ou actualización do actual Estatuto, senón que chama a superalo e «pasar páxina» por entender que é un traxe institucional «que se quedou pequeno». «O noso horizonte é claro, queremos un novo estatus político para Galiza que nos recoñeza como o que somos, unha nación, e avanzar cara unha relación co Estado de tipo confederal. Para iso é necesario abrir un debate sereno e tranquilo no Parlamento e, superada a emerxencia deste momento, teremos que abordar este debate, porque non podemos permitir que Galiza, como nación histórica, quede relegada cando Euskadi e Cataluña avanzan nesa dirección», dixo.

A voceira nacional do Bloque contrapuxo a súa proposta coa dun PP «que non quere unha Galiza máis forte como evidencian doce anos de Goberno sen unha soa transferencia». Pontón reclamó así que se abra «a transferencia de todas as competencias pendentes, porque o mínimo é cumprir o Estatuto tras 40 anos e cando hai máis de setenta ámbitos onde se pode incrementar as competencias».

 

PACO RODRÍGUEZ

Pola súa banda, o PSdeG marcou territorio cun acto propio celebrado ás portas do Hostal dos Reis Católicos, no que hai corenta anos se asinaron os pactos que que deron lugar ao actual Estatuto. Xoaquín Fernández Leiceaga e Gonzalo Caballero, presidente e secretario xeral do partido, respectivamente, déronse cita alí este martes para defender a súa proposta encamiñada a reformar o texto estatutario, ao igual que fixeron outras comunidades, para que Galia non perda terreo fronte a outros territorios.