Catalina Zamora: «Para min o galego é un sentimento. Os idiomas suman, non restan»

María Santalla REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

«Ás veces non se valora moito o que se ten. En Galicia teño esa percepción, por exemplo, coa natureza», di a profesora de Murcia que aprendeu galego

08 dic 2018 . Actualizado a las 12:38 h.

O seu con Galicia e co galego foi un amor a primeira vista. Un amor adolescente. Pero non deses que desaparecen e se lembran con nostalxia anos despois, senón dos que persisten e medran cos anos. Catalina Zamora (Mazarrón, Murcia, 1974) chegou a Galicia por primeira vez nunha viaxe de estudos en oitavo de EXB. Desde entón non deixou de vir e de interesarse por Galicia e de gozala cada vez que puido. Estudou galego e este ano, no colexio no que dá clase, o Infanta Leonor, de Mazarrón, celebraron a Constitución cunha actividade dedicada a Galicia.

-Supoño que lle dirían moitas veces que por que «perdía o tempo» estudando galego.

-Si, home, por suposto. Ao final os meus amigos e a xente que me coñece xa saben que é unha paixón. Ao principio tomábanme un pouquiño por tola, pero ao final comprenden. Moita xente di que non serve para nada, pero si que serve; aínda que aquí non teña proxección laboral, si que serve.

-Que lle diría a quen cuestiona a esixencia de que en Galicia se saiba o galego?

-Eu non quero entrar en cuestións políticas nin opinar sobre o que ocorre en lugares nos que non estou, pero si que penso que calquera coñecemento, sexa galego, vasco, inglés, francés..., calquera idioma que poida enriquecernos e achegarnos aos outros está ben estudalo, e non ten por que ser excluínte en ningún momento. Para min é un sentimento, non é outra cousa; entón non vexo cal é a dificultade, porque para min todo está ben. Creo que os idiomas suman, non restan. Pero eu falo dun sentimento, non dunha cuestión política. Para min o galego e Galicia son unha paixón.

-Coñecerá moi ben Galicia.

-Cando era máis nova, para min era un soño, para min a meta era poder estar alí. Agora mesmo, para min é como un paraíso onde podo ir cada certo tempo e gozar del. Nas primeiras viaxes a Galicia coñecín bastante ben as Rías Altas; despois, xa na universidade, coñecín a Ribeira Sacra e a Costa da Morte. A única materia pendente que teño son as illas Cíes, que non as coñezo. Si coñezo a praia das Catedrais e as fragas do Eume, que para min son un dos sitios máis bonitos. Ás veces, cando me preguntan en Murcia a onde poden ir en Galicia, digo que non sei, é como que quero que quede un espazo reservado. É moi egoísta pola miña parte, claro, pero hai lugares que cando empezan a ter esa atracción turística empezan a perder un pouco.

-Que é o que máis lle gusta?

-O que máis me atrae é a xente: a xente que coñecín, que aínda son os meus amigos, que son excelentes persoas. Os meus amigos de Fene e de Lugo, que me ensinaron tanto de Galicia. E despois a lingua: a lingua para min é algo moi especial, gozo lendo, gozo escoitando galego. E a paisaxe e todo o demais, pero sobre todo o hospitalarios que sempre foron comigo. Para min é o máis especial.

-E a gastronomía?

-Eu non son moito de marisco nin de carnes, pero o caldo galego gústame moitísimo. De feito, aquí en Cartaxena hai un restaurante galego e cando podo vou para alá e pido caldo galego. Lémbrame a Galicia.

-Cre que os galegos valoramos pouco o que temos?

-Eu non sei se son obxectiva dabondo... Falando dun xeito moi xeral, creo que ás veces non se valora moito o que se ten. Si teño esa percepción, por exemplo, coa natureza. Onde eu vivo sufrimos, en cambio, a falta de auga e de verde.

«Igual deberiamos coñecer mellor o que temos arredor»

O primeiro libro que leu en Galego foi Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín, cando volveu daquela viaxe de estudos. Hoxe dúas baldas da súa biblioteca son de literatura galega: «É unha das miñas ferramentas para manter o contacto».