«Nun parto é máis importante a comadroa que a lúa chea»

Montse Carneiro (montse.carneiro@lavoz.es)

GALICIA

EDUARDO

No día en que comeza o verán, Medal bota por terra os falsos mitos vencellados ao ceo e descrebe as dificultades para atopar intelixencia extraterrestre

20 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Chegou o verán. Ás 2.57 horas desta madrugada o Sol alcanzou o punto máis alto no seu camiño anual entre as estrelas do ceo. Día case sen sombras, o astro rei na vertical. No firmamento galego, Sirio, estrela de estrelas; Betelgeuse, a xigante vermella; as Tres Marías, o cinturón de Orión; a Polar, Saturno e, cruzando a negrura, a banda clara da Vía Láctea, o chorro de leite derramado por Hera con Hércules no colo mamando a cachón. Así o conta el. Juan Carlos Medal divulga a astronomía sen dogmas, pola vía procedemental (adeus ao concepto) e co home como protagonista absoluto. Di que ciencia e filosofía veñen sendo o mesmo, e confesa que o máis asombroso do universo, «como dixo Einstein (e eu estou dacordo con el), é miralo e pensar que o ser humano é capaz de facer modelos sobre como funciona». -¿Hai alguén aí fóra? -Que saibamos non, pero é probable. Nun universo con 100.000 millóns de estrelas e miles de millóns de galaxias, é un exercicio de modestia e humildade pensar que non imos ter nós o privilexio de ser únicos. Hai proxectos moi costosos na busca de intelixencia exterior, o SETI, mesmo coa participación de premios Nobel, que recibiron sinais electromagnéticos, como un bip bip bip con certa cadencia, e quedaron desconcertados. Pero é complicado: por falar da estrela máis próxima a nós, Alfa Centauro, calquera mensaxe que queramos enviar, mesmo un «hola», tardaría cinco anos en chegar alí; «bos días», responderían, e outros cinco anos de volta... E iso coa estrela máis próxima: con galaxias que están a un millón de anos luz de nós xa non che conto... -Polvo de estrelas. -Iso é o que somos, a idea que cambiou o paradigma da terra, perecedera e corruptible, e o séptimo ceo, perfecto e inmutable. O feito de que os ladrillos que forman o universo son os mesmos que forman este mechero ou esta mesa, que o forno onde se forxaron é o mesmo: as estrelas. O calcio dos nosos ósos e o ferro do noso sangue naceron, orixinariamente, na explosión dunha supernova. Medal non cre nos horóscopos, pero síntese atraído polo número pi, o áureo de Leonardo, e explica que establecendo unha serie numérica coas distancias entre os planetas observouse que entre Marte e Xúpiter a secuencia sofría un corte, insinuando a existencia doutro planeta. «E efectivamente, xusto alí, entre Marte e Xúpiter, está o cinturón de asteroides, planeta despedazado en millóns de fragmentos». -¿Hai usos asociados á observación do ceo? -Máis dos que parece. En moitas vilas galegas como Sada ou Redes hai calexóns de Venus dirixidos ao lugar por onde sae o planeta, ben ao amencer ou na posta do sol. E no planetario da Casa das Ciencias, unhas mulleres de Bergantiños reveláronnos nunha ocasión que ao cinturón de Orión alí o chaman as estrelas do leite, porque a súa posición, xusto por riba do horizonte, alertaba ás leiteiras da hora que era. -¿A lúa axuda aos partos ou non? -Nin aos partos, nin a nada. Sendo honrados e seguindo a Newton, temos que dicir que nun parto é máis importante a presenza da comadrona que a da lúa chea. Pensa que a gravitatoria depende de dous factores: a masa e a distancia. Masa está claro que ten máis a lúa ca a comadrona, pero ela está a un metro e a lúa a 400.000 kilómetros, de xeito que a asistente acaba tendo un efecto de marea nos líquidos da bolsa maternal moito máis importante, si.