Cun son actualizado e nova actitude, «aprendemos a quitar máis que a meter», encaran os de Muros o lanzamento do novo disco, «Rapants Club», e o seu concerto no Multiusos do Sar
06 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Volvérono facer. Son teimudos por vocación e reincidentes por convicción. The Rapants volveron superarse. E desta volta ascenderon varios chanzos dun chimpo. Se con La máquina del buen rollo conquistaron o que pensaban que lles quedaba por conquistar, con Rapants Club, o novo disco que publicaron esta semana, ábrense xa dende os primeiros acordes a novos horizontes sonoros e conceptuais e a novas metas. Entre elas, a presentación en directo deste álbum no Multiusos do Sar, en Santiago, o 28 de marzo, concerto para o que acadaron o fito de vender 4.000 entradas nun só día.
Rapants Club achégase máis ao son en directo do cuarteto de Muros que calquera dos seus predecesores. The Rapants gañan en densidade e profundidade, cunhas guitarras moito máis graves e unha poderosa base rítmica que agora enriquecen uns sintetizadores que transcenden con moito o cometido efectista, pero case ornamental que tiñan ata agora. E todo isto sen perder un ápice desa brutal capacidade de conexión emocional que conseguen co público a base de lanzarlle unha colección de himnos absolutamente arrebatadores. Neste Rapants Club hai uns cantos.
—Que disco querían facer?
Matías. Así, de primeiras, non tiñamos ningún plan predefinido.
Samuel. [Interrompe] Si, si que o tiñamos. Queriamos facer o AM dos Arctic Monkeys (rin).
Xanma. Non tanto. Pero si que buscabamos un disco cun punto máis elegante que La máquina del buen rollo.
Matías. E démonos conta de que menos é máis. Nós estabamos acostumados a producir embarullando todo, a meter guitarras, sintes..., de todo. E neste disco aprendemos a quitar, máis que a meter.
Samuel. Pasamos de que os nosos referentes fosen The Strokes, The Smiths e Arctic Monkeys a que fose Harry Styles [rin].
Xaquín. Pero a esencia segue sendo a mesma. Aínda que cunha infraestrutura moito máis grande, seguimos sendo nós, sen ninguén que nos diga como temos que facer as cousas.
Samuel. Si, seguimos sendo o grupo o guitarreiro de sempre.
Xaquín. Outro factor é que antes faciamos os discos en sete días sen estar todos xuntos nas sesións e este fixémolo en ano e medio, estando todos implicados, compoñendo xuntos e gravando todo o tempo.
—Seguen sendo «sinxelamente catro amigos», como me dixeron cando lles preguntei como lles afectara o éxito tras «O corasón como un after»?
Xanma. Si, seguimos sendo catro amigos aínda que agora, cada vez máis, somos máis catro compañeiros de traballo.
Samuel. Eu agora ás veces boto de menos dicir: «Ei, rapaces, que tamén somos amigos». E non levalo todo ao laboral. Non sei se é bo ou malo pero non sabemos separar. Nun momento estás de colegueo tomando unha birra e un minuto despois é: «Lembrade que mañá hai que ensaiar».
Matías. A profesionalización do grupo ten os seus pros e os seus contras. E entre os contras está que tes que traballar como se fose unha empresa e dedicarlle moito tempo. Antes tocabamos un día, saiamos de festa, non tocabamos máis e listo. Agora temos tres concertos seguidos e tes que ser responsable. Son cambios, son etapas e tes que ir evolucionando tamén.
Samuel. O importante é que nos coidamos entre nós e seguimos desfrutando ao máximo do que facemos.
—Esa evolución tamén se nota nas letras deste disco. Hai menos humor e máis amor.
Xanma. Démonos conta de que podiamos dicir o mesmo pero sendo un pouco máis orixinais. Facemos canción de amor mantendo esa retranca que tiñamos antes, pero dun xeito novo, para que a xente non teña a sensación de que está escoitando a mesma canción de The Rapants.
Matías. Temos letras enteiras descartadas como para outros tres discos.
Samuel. A letra de Non sei como debe ser a cuarta que escribín para esa canción.
Xanma. A xente do noso entorno tennos dito: «Ollo, que o máis importante das cancións e no que se fixa a xente é nas letras». E para nós era todo o contrario. Nós raiabámonos máis pola música. Así que neste disco quixemos coidar moito as letras.
Samuel. Si, foi un punto de inflexión.
—Levan xa case 5.000 entradas vendidas para o concerto do Sar, en Santiago.
Samuel. Estamos moi orgullosos diso. Xa cando vendemos as dúas Capitol en dez minutos sentimos moito orgullo de que respondese así a xente. Así que esta vez foi como «buah, imos intentar bater outro récord, imos poñer algo máis grande».
Xanma. Que poida coller máis xente e que nós podamos desafogar toda esa ansiedade que sentimos nun único día.
Samuel. Aparte de que non estamos fisicamente preparados para poder facer dous días [rin].
Matías. A elección do Sar foi tamén un acto de amor porque foi onde vimos dende pequenos aos grupos que nos molaron.
Samuel. O primeiro concerto polo que paguei na miña vida foi o de Marea no 2012 no Sar, que fun coa miña madriña. E agora vou tocar eu aí. É unha loucura.
—O caldo de cultivo da escena musical galega non era propicio para que aparecese un fenómeno como The Rapants. Por que cren que aconteceu?
Xanma. Os Rolling cando empezaron tamén tiñan todo en contra e de aí naceu a maxia. Nun primeiro momento, estar á marxe da tendencia permitiunos poder facer o que nos saíra de dentro porque a todo o mundo lle daba igual e non tiñamos nada que perder. O único que nos guiou foi facer a música que aos catro nos gustaba.
Matías. Penso que gran parte do mérito de estar onde estamos vén do directo. Nunca fixemos un directo sen ganas de tocar. E iso transmitímolo.
Samuel. E outra cousa boa que nós temos é que somos moi naturais.
—Con data de caducidade?
Samuel. Os iogures nunca caducamos.
Matías. Agréanse un pouco pero non caducan [rin]. Pero regresando á pregunta anterior, eu creo que no que pasou con The Rapants é fundamental que sexamos de pobo. Conectas moito máis. Creo que, por exemplo, Rusowski ou peña así, de cidade, non conectan tanto. Como que teñen un personaxe. E no noso caso, o noso personaxe somos nós. E xa nos chega [rin].
Samuel. A educación que che dá pobo é todo.
Xanma. Non ser un flipado, ser humilde...
Xaquín. E non ter que finxir nada.
—A que soarían The Rapants se non fosen de Muros?
Samuel. Posiblemente non soariamos.
Matías. Eu penso que se fósemos de Vigo seríamos rapeiros [rin].
—Son moi novos pero xa hai unha xeración de músicos galegos que veñen por detrás de The Rapants. Como están vivindo iso?
Xanma. Eu vívoo guai [ri] [Xanma é o irmán maior de 9Louro]. O único que boto en falta son máis proxectos guitarreiros. Pero imos apoiar a toda esa xente nova a tope e ensinarlles o que poidamos e que aprendan dos nosos erros, como nós aprendemos dos erros das bandas que tocaron antes que nós. E dos seus acertos.
—Está ben que fagan honra aos que estiveron, porque non falta quen pensa que non os recoñecen o suficiente.
Xaquín. O problema é que eles non o saben, pero claro que foron moi importantes.
Matías. Debémoslle todo á xente que estivo antes, porque, ao final, ninguén inventa nada. Todo vén de algo que escoitaches e que nun primeiro momento querías chegar a plasmar da mesma maneira.
—Cal é a súa canción favorita do disco?
Matías. Por que son así.
Xanma. Jrasias por confiar.
Samuel. Ancoradoiro creo que o vai petar moito.
Xaquín. Viaxei, porque foi a que marcou o rumbo sonoro do disco e da produción e a canción que máis en bucle puxen na miña vida.
—Cal foi momento máis bonito da xira de «La máquina del buen rollo»?
Matías. A min gústanme sempre as estreas.
Xanma. Cando no festival das Carrilanas nos dixeron que non cabía máis xente dentro.
—Quen é o máis sensato dos catro?
Xanma. Álvaro [o seu mánager]. [rin]
Matías. É Xanma. Se houbese un xefe en The Rapants sería Xanma.
—O máis valente?
[Ao unísono] Samuel.
—O máis inconsciente?
[Ao unísono] Matías.
—O que máis chora?
Samuel. Creo que podería ser eu.
—É máis rosmón?
Samuel. Eu tamén.
—Gañaron moitas cousas, pero que perderon?
Xaquín. Pelo [rin].
Samuel. Saúde mental.
Matías e Xanma. Moito tempo libre.