A metamorfose de Sabela: «Tiña ganas de quitarlle dramatismo á miña música e facer algo máis fresco»

FUGAS

-

Sacudiuse de enriba as cinzas e enfiou, lixeira, rumbo á cor e á luz. «Bríllanche os olliños» é o testemuño sonoro desa metamorfose, un disco de pop rabiosamente actual e profundamente noso

30 ene 2026 . Actualizado a las 10:25 h.

Tan importante é para a música galega salvagardar as súas raíces como manterse conectada cos códigos sonoros do presente. Ambas as circunstancias concordan en excitante harmonía en Bríllanche os olliños, o disco que a finais de 2025 publicou Sabela. A artista de Ourol redefine o seu son, a súa presenza e, dalgún xeito, tamén o xeito de enfrontarse a este tinglado da música ao que abocou de forma semiincosciente e abrupta ao entrar a formar parte da edición do 2018 de OT.

—Cales son os sinais de identidade da nova Sabela?

—Por unha parte, mesturar esa vertente do meu son máis achegada ao pop internacional, pero facéndoa en galego. E despois, creo que tamén a conexión co cotián. Non son unha persoa que procure o grande, senón todo contrario. Adoito crear con cousas cotiás, que teño cerca, tanto a nivel de historias como de persoas ou de emocións. Gústame partir dende aí e medrar cara a onde a canción me leve. Non ao revés. Non me gusta ser pretensiosa de inicio.

—Aparte dun cambio de sonoridade tamén hai un cambio na súa imaxe.

—Totalmente.

—Que quixo transmitir con ela?

—Frescura, enerxía e máis lixeireza. Hai que ter en conta que viña de Ceniza, que era un disco moi denso, marcado pola perda e pola morte, e precisaba mostrar esta outra parte de min.

—Aínda que as cancións manteñen unha notable carga melódica, neste disco gañan moito peso as texturas sonoras, os ambientes, as atmosferas... Foi premeditado?

—Totalmente. Xogar coas texturas e cos ambientes permitíame saírme desa carga tan densa e tan melancólica de Ceniza. Foi a forma que atopei de deixar atrás esa outra etapa na que estaba. Eu tendo a facer melodías melancólicas de forma innata, pero xogar con este outro tipo de elementos sonoros permitíame quitarme ese dramatismo e facer algo máis fresco. E tiña ganas diso.

—Cando publicou «Ceniza» creou unha «playlist» en Spotify cos músicos que a inspiraron. Que artistas estarían na «playlist» deste?

—Uf!, moitos. Estaría Saya Gray, que me gusta moitísimo. Estaría James Blake, por suposto, Thom Yorke... Aínda teño pendente facer esa playlist, é verdade.

—Dedícalle unha canción a Maruja Mallo. Por que se quixo deter nesa figura?

—Eu creo que namorei dela, directamente (ri). O primeiro que me chamou a atención foi o pouco que sabiamos dela, incluso en Viveiro, onde naceu. E ao empezar a afondar máis na súa persoa e na súa obra cativoume totalmente. É unha persoa que foi supertransgresora para a súa época e teño a sensación de que aínda o segue sendo para esta.

—Ela foi recoñecida pola súa mirada rupturista e pola súa capacidade para transformar o cotián en arte. Son dúas características aplicables tamén a Sabela?

—Pois si. É que eu identifiqueime moito con ela. Co que percibía no mundo e con como intentaba darlle unha volta e transformalo.

—De que virtude de Maruja Mallo lle gustaría apropiarse?

—Flipoume que para cada proxecto ou colección nova que creaba profundaba moito no que ía facer. Iso encantaríame. Ter a decisión de dicir: «Antes que nada, vou dedicar todo este tempo a profundar».

—Recolle un fragmento coa voz dela no que fala de que hai 40.000 pintores que xa non existen. Cada día sóbense 100.000 cancións novas a Spotify. Existen realmente?

—Ás veces, cando estou compoñendo, pregúntome por que ou para que. Hai tal cantidade de música que mesmo se apodera de min unha actitude un pouco perdedora e penso: «É útil ou serve para algo isto que fago?». Entón, intento volver sempre ao punto de partida: gústame, desfruto? Si. Pois entón, se alguén conecta con isto, xenial. E son, non pasa nada. Porque, ao final, estás loitando contra algo que é inasumible.

—Neste disco hai varios temas nos que ademais da composición e da interpretación encargouse tamén da produción. Que está descubrindo nese mundo tan hipnótico?

—Uf, si. Totalmente hipnótico e infinito. Pódeste quedar aí en bucle días e días. Eu aínda entendo a produción como un xogo. E creo que iso foi o que me permitiu facer estes temas, porque para min era algo relativamente novo, así que de perdidos al ríoA tendencia cando non sabes moi ben por onde ir á hora de producir un tema é a cargalo e con  este disco dinme conta de que o difícil da produción é manter só os elementos que funcionan e que realmente lle van guai á canción. Niso foi no que máis traballei.

—A día de hoxe, onde se ve no mercado?

—Agora mesmo penso que son unha artista un pouquiño máis de nicho. Non creo que a miña música sexa moi mainstream. Pero creo que ten moita proxección, non só no local, senón cara a fóra. Neste momento hai moitas sinerxías entre mundos musicais moi diversos e creo que aí si que teño cabida.

—É este un disco exportable fóra de Galicia, aínda que estea cantado en galego?

—Totalmente. E incluso creo que neste caso vai a favor que sexa en galego, porque pola súa sonoridade non podería telo feito en castelán. Non funcionaría igual. E, ao final, máis alá dos idiomas hai unha linguaxe moitísimo máis universal que é a música.

—A presentación do seu disco defíneo como pop internacional e engade «mantendo elementos tradicionais galegos». Onde están presentes eses elementos?

—Están, o que pasa que usados de forma diferente, na produción. Evidentemente, eu non fago música tradicional nin moito menos pero vivín e medrei toda a vida con iso e si que o emprego, pero doutro xeito. E están tamén nas historias que conto, porque nestas cancións aparecen lendas e mitos, que tamén son parte da nosa tradición e da nosa cultura.

—Nunha entrevista en La Voz dicía que sente que non a escoitan porque saíu de «OT». Cre que este disco pode liberala dese estigma?

—Agardo que si. Porque hai como unha barreira que si, cada vez é máis pequena, que aí segue. Doume conta de que cando o meu proxecto lle chega á xente da industria, mólalle, pero resúltame moi difícil conseguir chegar. Non sei que idea tiñan da música que fago. Pero agora si que sinto que por fin fun quen de marcar un pouquiño máis a miña identidade e iso facilita que cheguen a ti e que entendan de que vai o rollo.

—E iso que Sabela nunca renegou do seu paso pola Academia...

—Non, para nada. Como en todo, houbo cousas boas e cousas malas. Pero eu quedo co bo. Por exemplo, grazas a OT teño grandes amigas.

—O ano pasado presentouse ao Benidorm Fest, pero non a seleccionaron. Interésalle o mundo Eurovisión?

—Eu creo que é unha plataforma como outra calquera. Cando eu estaba en OT, o representante de Eurovisión saía desa edición. Pero eles poñíanche unha canción e ti non podías dicir nada. Creo que esa non é a forma. A Eurovisión teñen que ir proxectos que xa existan e que poidan encaixar.

—Volveríase presentar se tivese algunha canción que cre que encaixa?

—Pois nin idea, a verdade. Como non é o meu obxectivo principal, tampouco che sabería dicir. Ao mellor cadra que si ou ao mellor non cadra nunca, e xa está.

—Como está a combinar as cancións de antes coas de agora nos directos desta xira?

—Vou intercalando bastante. No directo mesturo moito a parte máis orgánica, que pode ser a guitarra e a batería, coa parte máis electrónica. A parte orgánica permíteme modular no momento e a parte electrónica, evidentemente, é o selo que ten esta esta última etapa. É certo que quitei moitos temas de antes que xa non me tiña moito sentido telos aí, sobre todo a nivel de mensaxes e de enerxía.

—Un dos seus próximos concertos será no festval Emigrason, en Bruixelas. Como afronta esa cita?

—Afróntoa con moitísima ilusión e moi motivada. Tanto eu como todo o meu equipo estamos supercontentos de poder ir ao Emigrason. Creo que é un magnífico espazo para xerar industria e xerar unha rede entre nós. Todo o que me conta a xente que foi alí son marabillas. Así que vou con moitas ganas de pasalo ben e moi agradecida desta oportunidade de poder traspasar esa liña de Galicia para o mundo