A banda de Sigüeiro refresca o seu rexistro sonoro con «Disco comarcal», un álbum no que volven a esas discotecas da xeografía rural galega que definiron unha época
23 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Se cada novo disco de Familia Caamagno é un convite á festa e ao baile, este Disco comarcal é unha incitación en toda regra ao desenfreo. Os Caamagnos relocen febrís baixo os escintileos da bola de espellos, bótanlle unha peza sen complexos o día da festa, pasean sedutores tinguidos de pop por Portugal, préndenlle á mecha ás guitarras fronte ao milagre económico e entréganse á vertixe do power pop con esencias vintage xunto a antigos astronautas ou a carón da bomba de calor. Ser capaces de atopar, despois de 15 anos, semellantes doses de frescura, de audacia, variedade de rexistros, vocación desfrutona e sentido da crítica como os que testemuñan Familia Caamagno en Disco comarcal son argumentos máis que de sobra para achegarse a este álbum e á súa presentación en directo, o 6 de febreiro na sala Capitol de Santiago. «Neste disco atrevémonos a cousas que nunca nos atreveramos. Desta volta dixemos: ''Imos facer o que nos apeteza e adiante'', apunta Manuele Caamagno, cantante da banda.
—O disco titúlase e ábrese cunha homenaxe a esas discotecas que poboaron a xeografía galega e ao seu son característico.
—Antes de ter a letra e de saber por onde ía ir o rollo desa canción, xa tiñamos a música, que foi a que nos levou a falar das discotecas que había en Ordes ou en Melide e deses hostaleiros por accidente, que, de repente, nun baixo caendo montaban un pub e, veña, a sachar cartos a metro. Aí descubrimos que detrás de todo iso había un relato moi guai. E tamén nos interesou moito esa nostalxia da ruína, ese efecto que che produce o feito de ver un sitio que foi moi importante para ti nalgún momento da túa vida e que agora está caendo. Para min, a nivel estético esa idea é moi potente. Así que facer unha canción cun rollito disco falando sobre o declive das zonas de movida galegas pareceunos Familia Caamagno en estado puro.
—Ademais das discotecas, tamén hai un eloxio das festas dos pobos.
—Si, totalmente. O día da festa narra esa experiencia, desde a chegada á sesión vermú ata a hora de marchar cando remata o baile. Disco comarcal é un álbum formado por estampas da nosa vida. Hai, efectivamente, esas do día da festa ou as das discotecas comarcais, pero tamén hai referencias á realidade da contemporaneidade, á crise da vivenda ou ao turbocapitalismo. E a maiores hai varias cancións que son retratos de persoeiros galegos moi identificables. Segnor do pasado é ese señoro un pouco cuñado que todos coñecemos, e o protagonista de Milagre económico podería ser ese embaucador que agora poderiamos identificar coa figura do criptobro.
—Cando presentaron «O mundo está derrotado», díxome que era un disco «nostálxico, cómico e político». Que tres palabras definirían «Disco comarcal»?
—Nostálxico non é. Quixemos fuxir diso. De feito, en De paseo en Portugal o que hai é unha antinostalxia, que é directamente dicirlle a unha persoa nostálxica: «Cala xa, non sexas pesado». Os outros dous adxectivos si que os mantería, porque están na nosa idiosincrasia. Imos por diante coa bandeira da comicidade e imos por diante coa parte lúdica, tanto na escoita das letras como nos directos. Entón, vou dicir que este disco é tamén cómico e político e engadiría que ademais é vitalista.
—Con cancións moi de estilo ramoniano, dous minutos e medio ou tres, como moito.
—Efectivamente. Nós nunca escondemos que Ramones forman parte esencial do noso entendemento sobre a música. Así que si, son cancións de dous minutos e medio. A ver, é pop e é rock and roll.
—Como foi traballar con Raúl Pérez na produción, en que se nota a súa man?
—Na frescura do disco. É un tipo que ten unhas ideas moi boas e que é capaz de conducirnos por sitios diferentes aos que nós tiñamos en mente... Estamos encantados.
—Como encaixa Familia Caamagno na escena musical galega actual?
—Eu sempre digo que o actual é o mellor momento para a música en galego. Hai máis artistas, máis proxectos e máis estilos que nunca. Pero está claro que non é o mellor momento para a música feita con guitarras, salvo meritorias excepcións como pode ser o caso de The Rapants. A nivel de música con guitarras estabamos máis fortes hai unha década. No noso caso temos a vantaxe de que todo o mundo que nos coñece xa sabe que o noso punto de diferenciación é que en directo somos moi divertidos. Non nos poñemos a darlle a chapa a ninguén. Imos directamente ao gran, en plan: «Chavalada, aquí venimos a bailar». E se hai público con ganas de bailar, báilase. Iso garantido. Así que, a nivel de diversión, temos moi bo encaixe. Ademais, outra gran vantaxe que temos é que somos unha banda semiprofesional, aínda que lle deamos unha factura superprofesional a todo o que facemos, xa sexan os discos ou os concertos. Iso permítenos arriscar e se non lle mola a peña, mólanos a nós. Ou falar de cousas que poden resultar medio incómodas. Porque tampouco pasa nada se nos sae un bolo menos en non sei que concello.
—Nalgún momento pasóuselles pola cabeza profesionalizar a banda? Quédalles esa espiña cravada?
—Cando poidemos tomar esa decisión, hai dez anos, as cousas na escena musical galega non estaban como están agora. Non había os selos, nin as oficinas, nin os produtores que hai agora. E nós tampouco sabiamos moi ben como facer as cousas. Entón, profesionalizarnos sempre nos pareceu un pouco un salto al vacío. Iso si, os nosos traballos están, na maior parte dos casos, condicionados a poder ter compatibilidade co grupo. E o que fixemos sempre foi sacrificar moito do noso tempo libre.
—Levan coa mesma formación desde o principio. Iso é todo un fito.
—Si, si, iso é a hostia. Nós somos moi pouco de efemérides. Nin nos decataramos de que iamos cumprir 15 anos no 2026. Sempre tivemos un pouco a sensación de ser uns impostores por andar celebrando merdas. Se o quere celebrar a xente, perfecto. Pero nós non somos de facer aniversarios ou buscar escusas para tocar. Pero si, si que somos os mesmos, e recoñezo que iso ten mérito.
—Como vai ser ese concerto de presentación na Capitol?
—Tiñamos claro que non queriamos volver facer unha presentación baseada nas colaboracións, aínda que somos conscientes de que funcionan superbén. Pero xa a fixemos e non queriamos repetir e ter esa sensación de déjà vu. Así que o que vai pasar ese día é que, por primeira e única vez, vas poder ver a Familia Caamagno con sección de ventos, con teclado e con sintetizador. Queriamos probar iso e dixemos: «Este é o momento. Presentar o disco saíndo cunha orquestra detrás».
—E os resto dos concertos da xira?
—Faremos xira, por suposto, pero de momento non temos nada anunciado.
—Pero serán concertos como os do ano pasado, máis o repertorio engadido deste novo disco.
—O que non imos facer é sumarlle o tempo que dura este disco ao que facíamos antes. Non. Os concertos van seguir sendo dunha hora e cuarto e xa lle chega ben. Engadiremos, por suposto, cancións deste novo disco pero retiraremos algunhas dos anteriores.
- SANTIAGO. SALA CAPITOL. VENRES 6. 21.30 H. 18,70 EUROS