Sara Pérez: «Florencio Delgado era un 'hooligan' de Valdeorras»

FUGAS

VÍTOR MEJUTO

A periodista é a autora do libro que La Voz ofrecerá aos lectores o Día das Letras Galegas

12 may 2022 . Actualizado a las 20:46 h.

Sara Pérez Peral (Castro Caldelas, 1997) asegura que leva varios meses inmersa nunha viaxe arredor de Florencio Delgado Gurriarán, porque sobre o escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas apenas había información. A periodista traballou fondamente e, grazas ás achegas do historiador Ricardo Gurriarán, familiar do escritor galardoado, puido poñerse en contacto cos fillos, netos e a viúva do poeta, para ofrecer unha lectura máis humana e próxima del. O resultado desa investigación é o libro Florencio Delgado Gurriarán. Sempre desexando Galicia, que La Voz ofrecerá aos lectores o vindeiro 17 de maio por 1,95 euros máis o cupón do lombo do xornal.

­­—Ao ser un autor descoñecido, había unha imaxe de Florencio Delgado como alguén aburrido. E ti descobres todo o contrario. Que foi o que máis che sorprendeu?

—Para min hai dúas cousas. Por unha banda, o compromiso que mantivo desde o comezo con Galicia e a lingua galega. E por outro, a nivel persoal, a sensibilidade que tiña para falar das vides, as árbores..., e a súa visión sociopolítica e sociolingüística.

­—El chega a dicir de si mesmo que era un galeguista, pero que non o sabía.

—Si, el contaba que era un galeguista que estaba e se sentía só. Hai que pensar que foi criado de neno na casa en galego e sofre o choque cando vai á escola e ve que ten que estudar en castelán. El sente que está só nesa loita desde pequeniño: 'Por que teño que escribir e falar en castelán?'.

—Chama a atención, segundo explicas no libro, a súa afouteza na edición.

—É un constante corrector da súa obra, non sei cantas veces podería pasar por unha mesma peza. Vai cambiando de versións, porque para el era moi importante escribir en galego, e escribir ben. Rexeitaba os hiperenxebrismos (oficiñas...) e os castelanismos (análisis...). Quería dignificar a lingua, tanto falada como escrita.

­—A pesar de que ten que abandonar a súa terra, ten unha visión festeira da vida.

—A súa vida non foi sinxela, pero el establecía unha fractura, xa en México, entre o exilio, os faladoiros aos que acudía, e a súa vida na casa. Para el non debía ser fácil falarlles á súa muller e aos seus fillos de todo o que pasara. Na última parte do libro, a súa familia conta que era moi alegre, bailarín, cantaba..., era moi humano.

—Como cres que vive o exilio?

—El xa desde pequeniño ten que saír da súa casa, de Córgomo, e marchar a Valladolid, Palencia... E no 36 ten que exiliarse a Portugal, logo a París, e despois a Barcelona. E de aí a México, pero el mantivo sempre un contacto estreito cos galeguistas, sobre todo con Del Riego. O vínculo con Córgomo, Valdeorras, e con Galicia é unha constante. Non podo imaxinar o que foi para el deixar a terra que tanto quería e pola que el vivía, porque el falaba de Valdeorras, desde Valdeorras e para Valdeorras, era un hooligan de Valdeorras.

­—El non abandona a lingua nin en México?

—Efectivamente. El cultiva o galego neses faladoiros aos que facía antes mención, porque o seu exilio eran os faladoiros, era cando podía estreitar eses lazos coa lingua. El foi unha persoa que se criou en galego, que demostra que por moito que teñas que marchar, obrigado ou non, esa sempre vai ser a túa lingua.

­—Que figura marca o seu fondo galeguismo?
—Nunha entrevista en La Voz de Galicia queda reflexado cando a periodista Margarita Taboada di del: «A súa casa, México; o seu barco, Galicia; e seu faro, Castelao». A súa guía foi Castelao, de feito a súa publicación, O soño do Guieiro, está dedicada a el.