Xeliña segue a falar galego

FUGAS

Xela na casa do escritor Xosé Luís Franco Grande
Xela na casa do escritor Xosé Luís Franco Grande Foto de Franco Grande. Arquivo da familia Arias Castaño

«Enseñarle gallego a una niña tan guapa...», dixéronlle aos pais da homenaxeada o Día das Letras un verán en Sarria. Na nosa lingua medrou ben alto quen fixo da defensa do idioma o seu primeiro compromiso

14 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xeliña foi unha cativa espelida que creceu consciente da importancia de ter unha lingua e unha cultura de noso. Pasou a primeira infancia na granxa escola de Barreiros, onde seu pai era profesor. Aquela escola era un proxecto pedagóxico innovador, apegado á natureza e con vontade galeguista.

Nunha época en que se comezaba a quebrar a transmisión interxeracional da lingua, Amparo e Valentín tiveron claro cal sería o idioma dos fillos. Nun verán en Sarria, a familia entra nun comercio da vila e ao decatarse a muller que os atende de que a nena falaba galego díxolles: «¡Con lo riquiña y fina que es la niña! Si fuese un niño, aún pasaba; ¡pero enseñarle gallego a una niña tan guapa...!». Ben sabían os pais que a súa pequena non estaba en inferioridade: sabendo galego sabía máis. Xeliña manexaba as dúas linguas e iso púñaa en vantaxe para adquirir outras con maior facilidade. Co tempo converteríase nunha pioneira da tradución ao galego dende o inglés, o francés ou o portugués.

Tampouco perdeu a lingua cando con 7 anos a familia se instala en Vigo, a cidade que tanto a marcaría. Na casa había unha mesa grande onde sentaba o pai a traballar e a carón del Xela e os irmáns escribían redaccións que logo, nalgunhas ocasións, presentaban a premios. Con só 11 anos, a pequena gaña a sexta edición do concurso de contos da Asociación Cultural O Facho, da Coruña. Con tal motivo fanlle quizais a súa primeira entrevista, que é toda unha declaración de intencións, pois afirma que se sente máis a gusto escribindo en galego e que de maior quere ser mestra, «porque así aprenderíalles aos nenos a falar e a escribir na nosa lingua dende pequeniños». O idioma foi o primeiro compromiso de Xela Arias ao que se unirían outros moitos, pois viviu consciente das inxustizas e dos problemas do seu tempo.

Súa nai dicía que era trasteira, así o escribe a pequena nunha das redaccións que se conservan no Arquivo-Biblioteca Francisco Fernández del Riego, pero ela mostra desacordo (como se ve na peza da páxina anterior deste especial). Como calquera rapaza gustaba da bicicleta, dos patíns e das tardes no Castro. Tamén era afeccionada á lectura, coa fortuna de poder ler a primeira literatura infantil que se publicaba en galego: Polo mar van as sardiñas, de Xohana Torres; Os soños na gaiola, de Manuel María, ou A galiña azul, de Carlos Casares.

O pai incentivábaos tamén cando ían de vacacións e así, nunha viaxe a Andalucía, repartía entre Xela e os irmáns os lugares a visitar para que consultasen información e, ao chegar, facían de guías nas cidades que lles tocara preparar. Hoxe sería doado, pero entón todo estaba nos libros e os pequenos pasaban horas de biblioteca na procura dos datos. Tan familiarizados estaban que recordan como algúns días no verán mandábanos á Fundación Penzol e deixábanos despachar os libros aos usuarios. Aquela primeira biblioteca de Vigo era como unha segunda casa, alí pasaron tempo de lectura, de pescuda, e ata alí axudaron a levar os libros de Otero Pedrayo, cando o polígrafo ourensán faleceu.

Xela medrou rodeada da maxia das historias, de escritores e escritoras que visitaban a casa familiar, de xogos cos irmáns, de agarimo que despois plasmaría no libro Non te amola! E todo ese mundo cifrouno en galego, porque como escribiu: «Non hai idioma abondo para recoñecérmonos».