Todos os sons conducen a Xela

FUGAS

Cristina Durán

Agroman estes días propostas que lle poñen banda sonora á poesía de Xela Arias. Por veces envolta en pop, outras en electrónica, en cadencias de jazz, roqueiras... Así soa (X)ela

17 may 2021 . Actualizado a las 00:55 h.

A ela teríalle gustado que fose Lou Reed quen musicase os seus poemas. Mais non puido ser. De feito, ata estes días apenas houbo quen lle puxese acordes ao verso indómito de Xela Arias. «Non é tarefa doada», coinciden en sinalar todos os que agora se aventuraron a engarzar a música coa súa poesía. Pouco importa o territorio sonoro ao que se achegue. Os magnetismo extremo dos textos de Xela impón o seu carácter e determina o resultado final. Sempre suxerinte, enigmático, intenso, vivo.

Para sorpresa de non poucos, o Consello da Cultura Galega escolleu a Laura Lamontagne & Picoamperio para protagonizar o Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o domingo en Vigo (e que se emitirá na TVG o luns). Certo é que o dúo de electrónica e ambient xa se tiña achegado á tradición lírica galega, pero nunca á figura de Xela. Conta Laura Lamontagne que abordaron o proceso de composición sen cinguirse á literalidade de determinados poemas, senón collendo fragmentos duns e doutros. «Aínda así, intentei que as letras fosen como un contínuum, que os seus significados se relacionasen entre si».

A cantante ve «lóxica» a confluencia entre os textos de Xela e as texturas sonoras electrónicas. «Ao mellor, no seu momento, ela tería elixido a un grupo máis roqueiro. Pero hoxe en día, que o rock xa está un pouco para atrás, supoño que son este tipo de propostas sonoras as que avivan a literatura». Lembra Lamontagne que «xa daquela, nos recitais de poesía, á parte de cantautores con guitarra, tamén había algún friqui que levaba algún loop ou algunha máquina con efectos. Así que ese caldo de cultivo xa estaba preparado e a porta aberta. Non é tan raro facer poesía cun beat».

A Banda da Loba
A Banda da Loba

Quen si se achegara con anterioridade á poesía de Xela é A Banda da Loba. Sempre a citaron como referente. O quinteto musicou Tigres coma cabalos no seu disco Fábrica de luz. Aínda que, matiza Xiana Lastra, «non é unha versión como tal, senón que nos inspiramos no poemario mesturando versos e cousas nosas».

Non é o caso do seu novo traballo, Hasme oír. Aí si, A Banda da Loba ponlle música a unha escolma de poemas, seguindo a súa máxima ecléctica: algún lévao ao rock, outro vísteo de bolero, hai unha balada e ata un con sonoridade country.

Ese repertorio, combinado coa lectura das creacións que en torno á figura de Xela escribiron Elena Salgueiro, Estíbaliz Espinosa, Nuria Vil e Vanessa Glemsel, conforma o espectáculo X Xela que A Banda da Loba leva esta fin de semana a Pontevedra, Lugo e Carballo.

O primeiro proxecto de tecer unha rede musical en torno á poesía de Xela Arias xurdiu no 2003 da man do clarinetista Fernando Abreu. Sería a propia Xela a que se encargaría da lectura nunha sorte de performance musico-poética. Abreu chegou a gravar a Xela lendo os poemas de Intempériome como base para as súas composicións, pero Xela morreu dous meses despois. Aquel legado sonoro é agora posto en valor convertido no espectáculo Vencerse é cousa de se tratar, «un punto de encontro entre a vangarda da palabra, a música e a imaxe». Para esta proposta, Fernando Abreu conta coa complicidade en escena da cantante e actriz Mónica de Nut -quen pon voz aos poemas, mesturados cos recitados por Xela-, do músico Pablo Carrera e de Roi Fernández, que é quen se encarga da realización do «cinema en directo».

En palabras do seu creador, Vencerse é cousa de se tratar móvese dende a improvisación e a sonoridade contemporánea máis vangardista -incluso ruidista por momentos- ata outras máis recoñecibles. «Mesmo hai unha referencia explícita a Lou Reed porque era unha influencia que Xela recoñecía». O concerto poderá escoitarse o luns 17 no auditorio de Vigo e o martes 18 no Principal de Santiago.

Ademais das propostas de Laura Lamontagne & Picoamperio, A Banda da Loba e Fernando Abreu, tamén Xardín Desordenado detivéronse na obra de Xela Arias e prepararon un concerto especial con poemas dos seus catro libros e doutras autoras contemporáneas, coma Cristal Méndez, Luísa Castro ou Yolanda Castaño. Estarán en Moaña, Nigrán, Bueu e Baiona.

Tamén o concello de Pontevedra propiciou homenaxes musicais á protagonista das Letras Galegas. Neste caso a través do certame x Xela, no que participaron 16 bandas emerxentes da cidade. Os tres finalistas, Tíbet 1990, Nacho Mora e Río Verdugo ofrecerán un concerto o luns na Ferrería, do que sairá o gañador.

Clara Pino, unha homenaxe que nace dunha amizade

Clara Pino e Xela Arias coincidiron na facultade de Filoloxía en 1991. Alí se fraguou unha amizade que perdurou ata a morte da poeta. Por iso, chegado o momento de abordala e homenaxeala musicalmente, tiña claro que había de ser algo «íntimo». Renunciou á arpa, o seu instrumento natural, porque tiña «poucas posibilidades de modulación para harmonías tan complexas como as que esixe a poesía de Xela», e centrouse na voz. O acompañamento musical quedou por conta do seu compañeiro Pablo Vidal, quen, para a ocasión, tamén trocou o contrabaixo polo piano.

E así, a piano e voz, naceron, de momento, tres composicións: Borracho, Non me conteño e Irás dirás virás. Este último, conta Clara Pino, «un libro moi especial para min, do que gardo unha primeira edición que me regalara a propia Xela».

O formato do espectáculo complétase cunhas proxeccións en vídeo e de fotos e unha conferencia introdutoria na que Clara Pino achega aos espectadores a vertente máis humana de Xela Arias.

«De Xela destacaría a súa modernidade e a súa atemporalidade. Xela era unha muller moi vivida, bastante subversiva e que representa moi ben o espírito da época», di Clara Pino, quen tamén se adica á docencia. «De feito, unha das cousas que máis me están a sorprender é que aos rapaces lle está parecendo unha personalidade moi atractiva, cousa que non pasaba con outros escritores aos que se lles adicou o Día das Letras».

Dende o punto de vista musical, o dúo explica que abordou estas composicións dun xeito moi libre, adaptándose á complexa estrutura dos poemas e respectándoos case por completo. «Eu sería incapaz de romper un poema de Xela. Pero é que, ademais, non foi necesario. Eu coñézoos moi ben. Fixémoslles un traxe a medida e saíunos dun xeito absolutamente natural».