O «boom» do novo cine galego: faise preto e triunfa lonxe

Chámanlle fráxil, pero a súa forza vai medrando desde o fenómeno Oliver Laxe. «Ons» vén de superar récords de público. Así son e así nos captan os nosos cineastas de vangarda

Alfonso Zarauza triunfa nas salas galegas co drama emocional «Ons», protagonizado por Melania Cruz
Alfonso Zarauza triunfa nas salas galegas co drama emocional «Ons», protagonizado por Melania Cruz

Algo hai. E cada vez vese máis. Vai entrando con ese prestixio que acaba por ser naturalidade, no campo do foco, para facerse ver, sentir, escoitar. O novo cinema galego supera a marca, amplía o concepto que crearon hai máis de dez anos tres críticos, José Manuel Sande, Martin Pawley e Xurxo Chirro, para constatar que había un talento no cine que rompeu o canon do que había en Galicia. Ese cine que mira o mundo dende aquí estano a facer xente como Margarita Ledo, Oliver Laxe, Diana Toucedo, Lois Patiño, Alfonso Zarauza, Eloy Enciso, Jaione Camborda, Anxos Fazáns ou Noemi Chantada.

Algunhas das súas pelis poden verse na plataforma Filmin.

Hai illas que contan verdades mundiais. O feitizo de Ons chegou xa, polo boca-orella -envolto nun drama onde o thriller vai por dentro- a máis de 5.000 espectadores en Galicia, e ao top-20 da taquilla española na pandemia. «A min as pelis nunca me gustan no momento de acabalas... Dous ou tres días despois saboréanse mellor. Gústanme as que lle deixan un espazo ao espectador, as que nos llo dan todo mastigado. En Ons hai un dez por cento de cousas que están contadas de maneira un pouco oculta», revela Alfonso Zarauza (Santiago, 1973). «Por primeira vez en Galicia temos cineastas sólidos cun xeito singular de contar historias. Ves cine galego ao que te sentes próximo, que está achegado á túa mirada de Galicia», reforza. Hai algo particular que escacha o tópico, que se está expandindo, que gaña estima con festivais fortes na terra e que colleita premios fóra.

Diana Toucedo, directora de «Trinta lumes», ultima para este 2021 «Puerto Deseado», un retrato dos homes do mar
Diana Toucedo, directora de «Trinta lumes», ultima para este 2021 «Puerto Deseado», un retrato dos homes do mar

 A natureza fala

Nesta última década non deixa de acontecer a sorpresa, mais ten algo de familiar. «É un cine que ten cousas detrás, xeracións que saímos fóra a estudar, festivais que se consolidan en Galicia... Hai un compendio de cousas que nos fixeron agromar», sinala Diana Toucedo (Redondela, 1982), que nos empapa da Galicia máis poética do Courel, e da conversa entre a vida e a morte, en Trinta lumes, a súa primeira longa, que tivo a posta de longo na Berlinale no 2018.

«As nosas olladas son distintas, aínda que os cineastas galegos si nos tocamos en cousas, en formas de traballar a tradición e a memoria», considera.

«O noso cine é unha inmersión en Galicia que esperta os sentidos, que move a escoitar a voz da natureza. Nós miramos o mundo dende aquí», engade Zarauza. Así, en Ons trememos azoutados, como illados en nós mesmos. «Salvo no momento no que poñen o disco de Chicharrón, todo o son da peli está creado co son da illa, das gaivotas, do faro, do mar batendo contra as rochas, do vento e da chuvia... Pasabámolo por filtros, faciamos experimentos, que foi xusto no que estiven todo o confinamento. Toda esa forza do son verdadeiro de Ons está aí», asegura o director. Existe un «novo cinema galego»? «Si -concede-. O que pode ser difícil é delimitalo hoxe a uns determinados autores». Os xéneros nel mestúranse, como a realidade coa ficción e o transcendente co cotiá no costumismo (ou realismo) máxico galego.

«Nós somos o centro do noso mundo. Hoxe podes estar facendo cine dende unha aldea galega, mentres teñas un aeroporto a menos de tres horas e conexión a Internet estás no centro»

É un cine periférico, como lle din? «Nós somos o centro do noso mundo, o concepto de centralidade cambiou hai tempo. Hoxe podes estar facendo cine dende unha aldea galega, mentres teñas un aeroporto a menos de tres horas e conexión a Internet estás no centro», di Zarauza.

Alfonso Zarauza, Noemi Chantada e Lois Patiño, directores e amigos
Alfonso Zarauza, Noemi Chantada e Lois Patiño, directores e amigos

Hai un novo cinema, e un novo cinema feminino? Nótase cando tras as cámaras está unha muller?

«Hai unha nova ola, pero non sei se todos somos 'novo cinema galego'...», comeza Noemi Chantada (Vigo, 1982), que valora especialmente traballos como os de Toucedo ou Andrea Zapata Girau. «É unha ola de directores que estamos facendo o cinema aquí, que non queremos marchar e que queremos contar historias que teñen que ver coa nosa realidade, coa nosa identidade. O meu cinema é como é porque hai unha muller detrás», manifesta a directora de Xoves de Comadres, gañadora da 39.ª edición do Festival Internacional Enkarzine, que leva o foco á realidade dos coidados. «O home co lado mais feminino que podes imaxinar non ten pasado polas situacións que pasa unha muller. En xeral, a visión que pode ter un home da realidade da prostitución ou dos coidados non é a que ten unha muller», expón quen considera a investigación de primeira man unha prioridade do seu oficio tras as cámaras.

Agora a sensibilidade sen colorantes ten xa un prestixio. Para facer A muller invisible, Noemi Chantada pasou meses nun piso de prostitutas e en Xoves de Comadres houbo tamén «unha residencia». «O que traspasa a pantalla é a historia persoal detrás dos clixés», considera. Como no caso de Alfonso Zarauza, Lois Patiño ou Diana Toucedo, a raíz, a paisaxe, a pregunta pola identidade e o pouso do tempo da infancia foron produtivos para Noemi: «A miña nai foi coidadora, e cando eu era pequena, en lugar de dicir no colexio que era coidadora, eu dicía que era 'auxiliar de axuda a domicilio'. Agora, digo con orgullo que a miña nai era coidadora, e que marabilla! Que importante é. Os coidados necesitámolos todos».

A súa ollada da prostitución en Vigo escacha tópicos. «Cando elas me contaban que utilizan taponadores en momentos nos que menstrúan para poder seguir traballando... É chegar a un extremo brutal de utilizar o corpo da muller», denuncia quen pon o foco no que non se adoita ver, porque incomoda e doe. Se se agocha, é como que non existe. «Agora se pode falar dunha forma moito máis aberta, máis libre, xa non da menstruación, se non de cousas como que tes que interromper a xornada laboral para ir buscar os fillos. E iso xa non te fai 'menos profesional'. Están cambiando cousas», pensa Chantada.

O cine, como a xente (unha parte do cine, unha parte da xente), foi superando a vergoña, os prexuízos, o autoengano, o pudor de chamar ás cousas polo nome. Así o ve Diana Toucedo, que anda, «como sempre, con varias cousas entre mans». «Pero o que xa non vai pasar do 2021 é un proxecto vinculado ao meu pai, que rodei hai catro anos, Puerto Deseado. Embarquei con el no sur de Arxentina, e é un retrato dos homes do mar», conta quen está producindo Autos das ánimas, documental que pon o foco nunha tradición case perdida, a dos augardenteiros, enfiando a historia coa dunha avoa. O cine que se está a facer en Galicia prevén a extinción, dalgún xeito, dun estar no mundo que se revela sen filtros no campo.

«Eu poño o acento no arquivo da memoria, nun dar testemuño, pero ás veces se pode ver como unha vía nostálxica ou de resistencia, e non é tal»

«Eu poño o acento no arquivo da memoria, en dar testemuño, pero ás veces se pode ver como unha vía nostálxica ou de resistencia, e non é tal. No rural hai unha confrontación de tempos que non a temos que ver como algo nostálxico ou romántico. Se fose así, fariamos postais. Está ben que as cousas avancen, que os tempos cambien», alenta Toucedo, que advirte que o feito de que se perdan cousas significa que «van vir outras novas detrás». «Agora non temos en Galicia reparo, vergoña, non queremos agochar... Isto mo fixo pensar ver, por exemplo, o cinema asiático, o cinema feito dende outros lugares que me chegou profundamente». Moito máis que o cine español? «A min si!», admite. Ás veces só hai que poñer a cámara no que está agochado, onde ninguén mira, concordan os directores, porque os públicos se fan. «É como a cociña —achega Diana—. Eu se comese cada semana o mesmo, aborrecería a comida. Como seducir o padal con outras historias que poden fascinar? Estamos niso. Eu defendo a construción constante do público. Non é algo pechado, en absoluto, nin penso que queira consumir sempre o mesmo». E nós, o público, temos o noso espazo neste cine, completamos a película.

Lois Patiño vén de presentar «Lúa vermella» e de estrearse na paternidade
Lois Patiño vén de presentar «Lúa vermella» e de estrearse na paternidade

O que vén

Á Costa da Morte dende a vangarda creativa achéganos Lois Patiño (Vigo, 1983), que vén de estrearse como pai do seu primeiro fillo, Ares («púxenllo polo topónimo», conta) e da súa segunda longa, Lúa vermella, sobre o concepto de alma en pena vinculado aos naufraxios na mar e o rubio de Camelle, premiada no Festival de Málaga coa Biznaga de Plata á mellor película española. «Coa estrea en Cannes de Todos vós sodes capitáns, de Oliver Laxe, no 2010, foi a saída, e o que deu pedigree a un tipo de cine. Ao ano seguinte, Eloy Enciso estivo con Arraianos en Locarno, e despois Xurxo Chirro Vikingland en FID Marsella, logo Alberto Gracia en Róterdam co seu Gaspar Hauser, no verán do 2013 eu con Costa da Morte en Locarno...». Cinco fitos, cinco pelis galegas en festivais internacionais, en só tres anos. «A etiqueta 'novo cinema galego' funcionou no exterior, pero tamén como paraugas para nós», expresa.

Carla Andrade, que actualmente está en Brasil, atopa en Galicia as «respostas». Está a piques de presentar novo traballo
Carla Andrade, que actualmente está en Brasil, atopa en Galicia as «respostas». Está a piques de presentar novo traballo

Dende Brasil responde a Fugas a artista visual Carla Andrade (Vigo, 1983), que volveu a Galicia na pandemia despois de vivir en Londres, e séntese parte desta vangarda que tece lazos de familia no profesional e «traballa dunha maneira libre, afondando na relación entre a arte e o cine», achega. Ela, que está a ultimar xa o corto Ningún río me protexe de min, gravado entre Nigrán e a República Centroafricana, asegura que «as respostas» as atopa, tras viaxar lonxe, «en Galicia, na súa paisaxe, na familia». O seu é un dos nomes que soan nas curtas máis creativas. As curtametraxes merecerían, de feito, capítulo á parte no boom do audiovisual galego.

UN CAMBIO TRAS OS 90

Hai anos, ata os noventa, como sinala Zarauza, «todo o cine que se viña facer en Galicia, normalmente, eran producións españolas ou estranxeiras, que viñan con directores e actores de fóra. Había unha mirada dende fóra. Sempre vías unha Galicia soledada en prados bonitos con vaquiñas e paisanos moi atrasados economicamente». O bosque animado, por exemplo? «Si, era ridiculizante ás veces a ollada, ou ridiculizaba o acento galego ou a pobreza da xente... Agora, a mirada foise facendo máis rica, máis verdadeira... penso eu», opina.

A fermosura do oficio non queda oculta para estes realizadores. «É un privilexio poder estar vivindo dous meses na illa de Ons, con Césareo [a única persoa que vive alí todo o ano], poñéndote en marcha cun grupo de 30 ou 40 persoas para que os teus soños, as túas ideas, se materialicen; é moi bonito -sinala Zarauza-. Este oficio marabilloso ten a contrapartida que ten, hoxe en día, case todo, que é a precariedade continua. Sempre estás nunha corda frouxa, acabas un traballo e no seguinte empezas de cero. É fastidiado nese sentido, porque nós non facemos cine por cartos, ou non só por iso. É fastidioso, pero eu non o cambio por nada do mundo».

A muller ten a súa forza, recoñecida, neste xeito de ollar, de poñer o foco e filmar o mundo. «Penso que as mulleres teñen tamén cada vez máis acceso, máis referentes, o pensamento máis claro para non pasar xa por certas cousas. Nestes últimos cinco anos na universidade, algo que vexo é que a muller vai con máis presenza, con máis forza... Está o futuro por facer», di Diana Toucedo, que vive dende hai 17 anos en Barcelona. Non perde o contacto con familia, ten a familia aquí, e anda «indo e vindo».

Había que marchar para ter formación, oportunidades, unha traxectoria? «Si -segue Toucedo-. Eu estudei unha enxeñería. Non tiña nada que ver co mundo do cinema e pouco a pouco me din de conta de que me tiña que ir achegando para coñecer esa rede do cine para entrar en rodaxes, en algo máis profesional que, saíndo de Madrid e Barcelona, hai uns anos era difícil atopar noutro lugar. Agora temos pelis e series que van acontecendo en case todo o territorio nacional, pero aínda así esas produtoras están centralizadas. Non é facil se queres traballar dende outros lugares».

«A cultura, para que permee na sociedade, hai que insistir», di Lois Patiño.

O noso cine insiste. É unha illa atlántica que vai medrando no mundo. E na casa.

Síntense eles ou non recoñecidos na casa?

«Si, hai moitos festivais que están recoñecendo o traballo da xente nova e buscan enseguida, te chaman, se interesan... En Galicia existe unha relación de compañerismo na profesión que, por desgracia, non hai noutros lugares. Ves nos créditos dos traballos que alguén que foi directora dunha película é axudante de dirección noutra e nestoutra fixo tarefas de produción. Eu dirixo os meus traballos, pero fago a fotografía doutros, busco tamén producir... Se fago un proxecto, vou chamar tamén á mesma xente. Poñendo un exemplo concreto, eu puiden facer algo da cámara de Nove fugas, de Fon Cortizo, e o meu socio fixo a montaxe. Entón, como non me vou alegrar de que Nove fugas se vexa no Festival de Xixón? Esta cercanía que hai entre nós fai que haxa un recoñecemento interno entre compañeiras e compañeiros que te fai sentir respaldada. Ves o logro dun compañeiro e te alegras mogollón, non hai ciumes. Cando un leva un premio, é un premio para o audiovisual galego. Imos a unha», asegura Noemi Chantada. «Temos unha amizade profunda, crecemos xuntos no universo do cine e na vida. Esta é a nosa maneira», conclúe Lois Patiño.

O noso cinema é unha realidade, non unha efervescencia

Malores Villanueva
Benedicta, protagonista da película «O que arde», pola que gañou o Goya á actriz revelación
Benedicta, protagonista da película «O que arde», pola que gañou o Goya á actriz revelación

Na primavera do 2013, coñecín a Ignacio Vilar en Barcelona, presentaba Vilamor, e naqueles días promocionaba a película en cada punto da cidade onde moitos anos antes estudara cine. A sala do centro comercial Gran Vía encheuse durante varias xornadas para ver en pantalla grande aquela historia ambientada nos Ancares e na Fonsagrada. O director xa colleitara anteriormente o éxito con Pradolongo, e aínda estaría por vir o que no 2014 conseguiría coa adaptación da novela de Eduardo Blanco Amor, A esmorga, que a día de hoxe é a segunda película en galego de maior recadación. Case cincuenta mil espectadores entraron na atmosfera abafante que acada o filme a través da chuvia continua, da néboa e das logradas interpretacións de Miguel de Lira, Antonio Durán Morris e Karra Elejalde, que dan vida a Cibrán, ao Milhomes e ao Bocas. As salas galegas que proxectaban a cinta quedaban pequenas e, durante meses, púidose desfrutar nos cinemas de toda España. A esmorga, unhas das grandes novelas do século XX, tan cinematográfica, lograba manter toda a forza na pantalla cunha coidada fotografía e un traballo lingüístico impecable.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

O «boom» do novo cine galego: faise preto e triunfa lonxe