O noso cinema é unha realidade, non unha efervescencia

FUGAS

Benedicta, protagonista da película «O que arde», pola que gañou o Goya á actriz revelación
Benedicta, protagonista da película «O que arde», pola que gañou o Goya á actriz revelación VÍTOR MEJUTO

29 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na primavera do 2013, coñecín a Ignacio Vilar en Barcelona, presentaba Vilamor, e naqueles días promocionaba a película en cada punto da cidade onde moitos anos antes estudara cine. A sala do centro comercial Gran Vía encheuse durante varias xornadas para ver en pantalla grande aquela historia ambientada nos Ancares e na Fonsagrada. O director xa colleitara anteriormente o éxito con Pradolongo, e aínda estaría por vir o que no 2014 conseguiría coa adaptación da novela de Eduardo Blanco Amor, A esmorga, que a día de hoxe é a segunda película en galego de maior recadación. Case cincuenta mil espectadores entraron na atmosfera abafante que acada o filme a través da chuvia continua, da néboa e das logradas interpretacións de Miguel de Lira, Antonio Durán Morris e Karra Elejalde, que dan vida a Cibrán, ao Milhomes e ao Bocas. As salas galegas que proxectaban a cinta quedaban pequenas e, durante meses, púidose desfrutar nos cinemas de toda España. A esmorga, unhas das grandes novelas do século XX, tan cinematográfica, lograba manter toda a forza na pantalla cunha coidada fotografía e un traballo lingüístico impecable.

En Barcelona tamén estudou cine Oliver Laxe. Este galego nado en París conseguiu no 2019 gañar o premio do xurado no Festival de Cannes e o Premio Gaudí á mellor película europea cunha obra rodada en galego. Ao éxito da crítica acompañouno o do público, pois atraeu ás salas a máis de cen mil persoas cunha proposta afastada das tendencias comerciais ou, na linguaxe de Laxe, do cine desalmado. Con O que arde logrou conmover o espectador, abrirlle o corazón, espertalo, tal é a intención do seu cinema, e fíxoo cun éxito incontestable. Tres décadas antes estreábase Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, que ata 2019 era a película galega máis vista. O relato da emigración lograba entón conmover a un pobo que sufriu esa sangría masivamente. Laxe escolle outra ferida, a dos incendios forestais, e fai que proa. A fotografía, a música, as contadas palabras, os actores, a inesquecible Benedicta, conmóvennos. Na retina, a imaxe dela resgardándose da chuvia no interior dun carballo centenario, no pensamento a perda do rural, o abandono dos montes, cando non a súa especulación. Nas películas de Laxe os temas aparentan ser sinxelos, pero as reflexións amoréanse.

Apegada á terra, en concreto á Costa da Morte, a longametraxe de Lois Patiño, onde tamén a paisaxe é protagonista. Lúa Vermella (2020) esculca na relación coa morte e cos mortos a través da historia do Rubio de Camelle. A xeografía tamén marca Ons, de Alfonso Zarauza, aínda en carteleira, un drama apegado á illa que conserva trazos que a fan única.

O cinema galego é aquel que escolle a nosa lingua e que sabe que iso non é barreira en Berlín ou en Cannes, como tampouco o é nas salas de cine con títulos como os nomeados aos que se unen Días de voda, Dhogs, María Solinha, Longa noite ou Eroski Paraíso. O novo cinema galego é unha realidade, está lonxe de ser unha efervescencia propia dun momento, levamos anos aplaudindo proxectos sólidos e amplamente recoñecidos. Cineastas como os xa citados, pero tamén nomes de muller, como a xa referencial Margarita Ledo, que vén de estrear Nación, ou os de Paula Cons, Noemi Chantada ou Diana Toucedo son o presente do noso cinema. Elas e mais eles cóntannos con imaxes.