A lírica galega que namora a Madrid

Con tres premios nacionais de poesía en dous anos e un fito na tradución, a lingua de Rosalía amósase para pedir sólidos apoios na casa


Diría Luz Pozo Garza, diría Xohana Torres, diría Ferrín, Uxío Novoneyra, Claudio Rodríguez Fer... «Entre outros, por favor, pon claramente entre outros». Na Pobra do Brollón, Olga Novo, unha poeta, é, sen medo a equivocarnos, unha das persoas máis queridas na vila lucense. Aquí, o seu poemario Feliz Idade (Colección Tambo, Kalandraka) era coñecido e lido antes de chegar ás mans do xurado en Madrid que este ano decidiu recoñecer á profesora do IES A Pinguela de Monforte de Lemos co Premio Nacional de Poesía 2020. «Un premio ao que un non se presenta, por certo. A última vez que me presentei a un foi ao Minerva, cando tiña 17 anos», conta Novo. Pola súa cabeza pasan nomes de referentes que non gozaron do recoñecemento co que este outono fixo un pouco de historia.

É a terceira vez que unha obra en galego se fai coa distinción estatal. Algo que acontece só unha edición despois de que Pillar Pallarés acadase o premio no 2019 con Tempo Fósil (Chan da Pólvora) e sete anos despois de que Manuel Álvarez Torneiro, falecido no 2019, abrise a fenda. No 2013, Os ángulos da brasa (Tambo, Kalandraka) conseguiron situar ao galego no palmarés dos galardóns concedidos polo Ministerio de Cultura desde o 1977 e dotados con 20.000 euros. A boa nova non remata aquí. A categoría reservada para autores menores de 30 anos, o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández, creado no 2010, tamén é este 2020 para unha obra galega, o Atlas (Galaxia) da ourensá Alba Cid. No 2015, Gonzalo Hermo inaugurou o camiño con Celebración (Apiario).

Unha marabillosa e debida coincidencia ou algo máis? «Creo que responde probablemente a unha certa apertura do sistema literario español, que, de algunha maneira, tende a recoñecer a calidade das literaturas escritas noutras linguas do Estado. Máis aló diso, que é moi san porque é recoñecer a pluralidade, creo que non se pode ver máis detrás», manifesta Novo.

Nesta constelación de premiados en galego desde as institucións centrais, a poeta alude tamén a un feito «conxuntural» co que coincide a coruñesa Pilar Pallarés. «A constitución dos xurados, cunha maior ou menor predisposición a prestar atención ás literaturas vasca, catalá ou galega. Cousa bastante difícil», subliña. «Hai vagas, focos de maior desatención ás literaturas periféricas e outros de maior sensibilidade», engade a outra premiada, Alba Cid, que acaba de chegar dun lectorado de galego en Oxford.

O círculo vén de pechalo este 2020 Xavier Senín. Por primeira vez o Premio Nacional a la Obra de un Traductor é para un profesional consagrado á achega doutras literaturas á lingua de Galicia. «Para min é importantísimo; para as nosas letras, tamén. Malia que si houbo premios nacionais por traducións concretas, como o Ulises en galego, non o tiñamos a toda unha carreira, como si tradutores vascos e cataláns. Por desgraza ou por sorte, porque terán que vir máis. Isto demostra que o estamos a facer moi dignamente», defende o responsable de que leamos Don Quixote en galego, como a Camus ou Yasmina Reza.

Pero o factor principal aínda non foi citado. «É moi normal case que a poesía en Galiza sexa o xénero máis esplendoroso por toda a tradición longa da que partimos. No ámbito español todo está moi centralizado en Madrid, o proceso de descuberta da poesía galega estase dando agora. Antonio Gamoneda —Premio Cervantes— sempre di que para el a poesía galega é bastante superior á que se está a facer noutras linguas do Estado», alega Pallarés.

Unha visión que comparte a editora de La Bella Varsovia, selo que traduciu ao castelán a Ismael Ramos e a Gonzalo Hermo. «A poesía que se escribe en galego é, das linguas do Estado, a máis viva, a que ten maior risco, calidade e diversidade», di Elena Medel.

«Somos fillos dunha das grandes poesías da Idade Media. Aí está o Rexurdimento e a figura excepcional de Rosalía. Por parte de España segue a haber unha tendencia a crer que a literatura por excelencia é a española e as outras son unha sección á que, de vez en cando, hai que ter en conta», desliza Pallarés. «Malia a precariedade estrutural do sistema literario galego, o xénero poético xogou sempre un papel moi sinalado que, ás veces, parece anunciar momentos que logo vemos na literatura en castelán», valora Alba Cid.

«Hai décadas que a poesía galega ten repercusión internacional. Con frecuencia tradúcese antes ao inglés que ao castelán. Nada é casualidade, senón resultado do esforzo e da paixón», defende Antón Lopo, o editor de Tempo Fósil, o libro premiado de Pallarés en Chan da Pólvora.

Os precursores

Malia que a poesía é o xénero protagonista este lustro —o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil do 2017 a Antonio García Teijeiro por Poemar o mar é tamén un poemario—, foi a novela galega a primeira en entrar nos galardóns estatais con Alfredo Conde. Xa vai o griffon no vento foi Premio Nacional de Narrativa 1986. En 1996 foino Que me queres amor, de Manolo Rivas, e no 2003, Trece Badaladas, de Suso de Toro. O Nacional de las Letras Españolas a toda unha obra, que no 2019 gañou o vasco Bernardo Atxaga e teñen varios cataláns coma Castellet, aínda se resiste a un autor en galego.

Mentres, a narrativa galega dedicada aos máis novos suma seis galardóns nacionais de Literatura Infantil y Juvenil. Das cousas de Ramón Lamote, de Francisco Martín Iglesias, foi o pioneiro no 86. Seguírono Xabier P. Docampo, con Cando petan na porta pola noite; Fina Casalderrey e O misterio dos fillos de Lúa; O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz; Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, e Poemar o mar. «Non estamos ante un fenómeno illado. Se nos cinguinos aos premios nacionais, aí están, nos últimos anos, Ana Romaní e Anxo Quintela (xornalismo), Núñez Seixas ou María Xesús Lama (ensaio)», fai memoria o editor Antón Lopo.

As traducións son a mellor vara de medir a repercusión fóra de Galicia. «Se algunha función pode ter un premio é a visibilización dunha obra. Isto é así. Dálle unha segunda ou mesmo terceira vida ao libro. Feliz Idade estase traducindo ao inglés, así como outra antoloxía miña, e tamén ao alemán», avanza Olga Novo. Alba Cid traballa na adaptación ao castelán de Atlas. O curioso é que a popularidade tamén crece na casa. «É como se necesitásemos que nos desen o aprobado fóra para mirar para nós», lamenta Pallarés. «Dáme mágoa pensar que un lector galego se achegue a unha obra porque lle concederon un premio en Madrid. No fondo, fala dun certo complexo», admite Novo.

Pero, se hai unha oportunidade que os autores valoran urxente é a de que os premios sirvan para que as institucións galegas apoien o potencial existente. Un talento que se sostén con pequenas iniciativas editoriais e premios locais. «Ten moito de misterio o potencial da poesía do noso país. Fun profesora de Literatura e no ensino é rarísimo que poñan na ESO ou en Bacharelato libros de poemas. Son prexuízos. Dígoo sempre, é moito máis frecuente que os adolescentes escriban poemas que narrativa», reivindica Pallarés.

Hai una compoñente «activista», di Alba Cid, que lamenta a falta de «vías de acción claras. Non hai axudas para a creación nin ciclos asentados». Os premios que hoxe celebramos son para textos co mérito engadido da precariedade «daquilo que fas nas marxes, buscando un oco», afirma Cid. «É sorprendente que non se aproveite o potencial creador da industria cultural do país. Que teñamos uns premios da cultura galega sen dotación económica non é anecdótico», apunta Antón Lopo, en contraposición do que pasa coas outras linguas do Estado. «Cando escribín o meu primeiro poema con oito anos non sabía que eran os premios. Seguirei facéndoo, mesmo se non me publican. Un poema de Feliz Idade sobre o amor remata así: "E todo o demais é literatura"», di Novo. A autenticidade, no fondo, é o que conta. Polo menos, niso imos servidos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

A lírica galega que namora a Madrid